“Grazas Miguel Ucles”: A mensaxe a un bombeiro que rescatou a catro persoas en Chandebrito

FOTO: JAVIER PITILLAS // Martín, Nerea e Jorge xunto con Miguel Ucles no Parque de Bombeiros de Vigo-Teis.

Javier Pitillas, Policía Local de Vigo e unha das caras máis recoñecibles do proxecto DisCamino, publicou este sábado no seu perfil de Facebook o relato do que viviron o seu fillo, a noiva deste e o seu cuñado cando quedaron atrapados en Chandebrito, mentres as chamas do incendio forestal que arrasaba a zona converteu a parroquia de Nigrán nun auténtico inferno, e onde faleceron dúas mulleres, Maximina e Angelina, cando fuxían nunha furgoneta.

“O domingo pasado, o meu fillo Martín, o seu corazón Nerea e o meu cuñado Jorge trataban de escapar das chamas en Chandebrito. Estaban tan mal as cousas que pensaron que non ían poder saír de alí”. Así comeza a carta de Javier. “Nese momento, no medio daquel caos, viron un vehículo Todo Terreo do corpo de bombeiros de Vigo. Pedíronlle ao seu condutor e único ocupante que, por favor, sacáselles de alí. Ese bombeiro era Miguel”.

Trátase de Miguel Ucles, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, ao que seis días despois visitaron os agradecidos rescatados no Parque de Bombeiros de Vigo-Teis.

“Subiunos a bordo a eles e a outra persoa máis e atravesando o lume levounos a lugar seguro”, continúa a publicación. “Cando contan o que viviron naqueles momentos de angustia seguen sen atopar explicación a como foi posible que Miguel sacáselles sans e salvos conducindo a través das chamas e cegado por un fume que non deixaba ver por onde ían; tampouco entenden como puido manter a calma e o control cando todo facía presaxiar o peor”.

No encontro, segundo o Sarxento Pitillas, “Miguel explicoulles que a profesión e a experiencia fanche ver o que os profanos non somos capaces de localizar: a térmica, a dirección das chamas, os movementos do fume… Eu só sei que o meu fillo Martín, Nerea e Jorge saíron de alí grazas a el. Un abrazo Miguel… e a nosa eterna gratitude”, conclúe a carta.

A resposta do bombeiro non se fixo esperar e escribiu “Amigo sinto unha alegría profunda e poder axudar, como ti sabes, porque es un excelente profesional e a túa implicación social é un exemplo para min. É o noso labor. Só podo sentir inmensa gratitude e felicidade amigo”.