A Asociación Chandebrito 1807 critica á Comunidade de Montes pola súa “inactividade e inoperancia”

Chandebrito está de loito polos lumes que arrasaron por completo a parroquia e que levaron por diante a vida de dúas das súas veciñas. A Asociación Chandebrito 1807 anuncia que pedirá responsabilidades políticas á Xunta de Galicia, ademais de dimisións dos mandos policiais polo que “consideramos unha nefasta xestión na evacuación da poboación da zona”, pero tamén á Xunta Rectora da Comunidade de Montes, “que coa súa inactividade e inoperancia ao manter boa parte do monte (por exemplo o do Castro, unha das xoias arqueolóxica do lugar, que tamén quedou carbonizado) nunhas condicións pésimas, con cortalumes inexistentes ao estar ateigados de piñeiros, xestas, toxo e abundante maleza”.

Precisamente, segundo sinalan desde esta Asociación, levan pedíndolle a esta Comunidade dende hai anos a roza do monte, sobre todo preto das vivendas. “Hai uns días, con motivo dos traballos que vimos desenvolvendo con persoas que realizan traballos en beneficio da comunidade, pedíuselle colaboración á mesma para que nos prestasen algunha rozadora, pero o presidente deu o non por resposta. Denunciamos esta actitude neglixente e irresponsable, e pedimos a dimisión desta persoa, que leva anos sen convocar eleccións para manterse no cargo a toda costa”.

“Lamentamos profundamente todo o dano causado pola vaga de lumes en Chandebrito e no resto de poboacións, que se viron desbordadas por esta traxedia, e poñémonos a disposición da veciñanza afectada para colaborar no que se poida”, conclúen.