“É un disparate que se siga dicindo que en Galicia se pode construír en zonas queimadas”

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, compareceu este venres na Comisión 7ª do Parlamento para dar conta da situación sufrida esta fin de semana ante a vaga de lumes. Así, insistiu en que “é un disparate que se siga dicindo que en Galicia se pode construír en zonas queimadas”, pois a actual Lei de Montes de Galicia prohibe explicitamente recalificar estas zonas durante un período de 30 anos.

Tomás Fernández-Couto explicou que a vaga de lumes desta fin de semana viuse agravada por fortes ventos furacanados e unha alta actividade incendiaria, que foi crecendo na madrugada do domingo ao luns. Ademais, a situación viuse desbordada ao saltar lumes que viñan de Portugal e entraban en Galicia, tendo que facer o dobre de esforzo por manter eses incendios e tratar de controlar os xa existentes.

O director xeral sinalou que ata o 13 de outubro a situación ante os incendios forestais era normal e Galicia contaba cun operativo xa reforzado para este mes. A previsión de fortes ventos propiciou que se solicitaran máis medios, evitando así peores consecuencias a nivel ambiental. Neste senso, Fernández-Couto agradeceu o traballo do dispositivo de extinción e sinalou que é un dos operativos máis potentes a nivel nacional. Lembrou que na madrugada do domingo o persoal fíxolle fronte a incendios forestais pero tamén a lumes na contorna das urbes, tendo que baixar dos montes para tratar de salvagardar a vida das persoas e paliar os efectos en infraestruturas.

Así mesmo, o director xeral fixo fincapé en que “é certo que todos debemos reflexionar e analizar os feitos”, pero recordou que as faixas de seguridade son competencia –desde o ano 2007- dos gobernos locais, polo que todas as administracións deben estudar o que aconteceu para tratar de evitar unha situación como a vivida nesta fin de semana.

Prevención nos montes

Sobre a prevención que realiza a Xunta, o director xeral foi claro e incidiu en que “por cada euro de extinción, o Goberno galego gasta 3 en prevención e valorización do monte”. Neste senso, cabe recordar que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez destina máis de 33 millóns (para as anualidades 2016,2017 e 2018) en convenios de colaboración cos concellos para tarefas de prevención como rozas ou desbroces de xeito manual. Tamén están as axudas para que os montes veciñais en man común e as sociedades de fomento forestal (Sofor) poidan realizar rareos, cortes e construír depósitos de auga cun orzamento de 4 millóns de euros e achegas para accións silvícolas de por importe de 11,2 millóns de euros na última convocatoria.