
Antes de comezar, a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia dá o seu apoio ás familias dos falecidos e os afectados por esta catástrofe. Ademais agradecen a labor e determinación do pobo galego nas tarefas de extinción e sinalan que “a frustración e a impotencia vivida motiva as nosas reclamacións, que unicamente son para intentar mellorar este servizo esencial que nós, os bombeiros, prestamos na nosa comunidade”.
Entenden que a catástrofe puido ser moito mellor abordada. Os danos serían moito menores se a súa xestión non fose totalmente improvisada e sen ningún tipo de planificación. “Dende a nosa experiencia só podemos definir a xestión desta emerxencia, declarada de nivel 2, como totalmente descoordinada, e polo tanto insuficiente para garantir a seguridade do noso pobo”.
Recordan que, segundo a Lei de Emerxencias de Galicia, é a Xunta a única responsable de xestionar a través da Axencia Galega de Emerxencias, todos os medios que interveñen neste tipo de escenarios. “Despois de pasados dez anos dende a súa creación e tendo a experiencia de gravísimas catástrofes (Angrois, Fandicosta…) a AXEGA parece non ter aprendido nada. Todo o contrario, reprégase en si mesma sendo un órgano cada vez máis opaco, no cal a día de hoxe non se coñece cal é o procedemento de selección dos seus axentes de intervención, entre outras cousas”.
Outra competencia que posúe a AXEGA é a de xestionar o Centro Integral de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o cal está privatizado e nunha situación realmente precaria, onde as chamadas realizadas polos cidadáns sofren esperas inadmisibles para recibir un servizo tan elemental (en ocasións superan os 20 minutos).
“Recordar tamén a decisión tomada pola AXEGA despois do accidente de Angrois, que foi retirar o “Remoto”, unha plataforma informática que permitía seguir en tempo real dende os parques de bombeiros todas as emerxencias que se daban en Galicia. A cal era moi útil para nós, pero un claro evindeciador da pésima xestión da Xunta, sendo este un caso claro de escurantismo institucional”.
“Ante esta situación o caos é predecible. As experiencias vividas nos parques de bombeiros públicos próximos a catástrofe foron frustrantes. Deuse unha gran disparidade en canto a horarios e formas de activación, pero o que si se repetiu é a autoorganización dos parques cando o que estamos a tratar é a activación do Nivel 2 debido ás condicións da catástrofe que tiña lugar en terras galegas. Hai que ter en conta que con este nivel declarado todos os medios pasan a ser de utilidade/necesidade autonómica pero o que se percibe é que carecen de dirección por parte da AXEGA, o organismo responsable”.
A falta de REGULACIÓN e SEGREGACIÓN do sector
O servizo de Emerxencias de Galicia está totalmente desregulado e segregado. O incumprimento da LBRL 7/1985 (Estatuto específico), modificada pola Lei 27/2013 (exercicio de funcións en exclusiva por funcionarios públicos). Por outro lado a Lei de Emerxencias de Galicia (homoxeneizar no prazo de tres anos os SPEIS galegos) atópase sen desenrolar dende hai máis de 10 anos. Isto dá a entender que a Xunta está a obviar a súas obrigas nesta materia.
Esta desidia dá lugar a que cada concello, deputación, e incluso a propia Xunta de Galicia teñan que crear diferentes corpos para prestar este servizo. Dando lugar a un conglomerado difícil de entender e de xustificar, precario e desorganizado formado por:
-Bombeiros Públicos en concellos de máis de 20.000 habitantes (funcionarios de carreira).
-Bombeiros Comarcais Públicos (persoal laboral).
-Bombeiros Comarcais privados.
-Grupos de emerxencias supramunicipais (GES).
-Brigadistas da Xunta.
-Brigadas forestais municipais.
-Brigadistas da empresa Seaga.
-Brigadistas da empresa Tragsa.
-Protección civil, etc…
-CIAE 112 (centro integral atención ás emerxencias).
Como se pode deducir isto fai realmente complicado realizar unha xestión rápida, eficiente e coordinada. Danse problemas gravísimos de comunicación, burocracia excesiva, tempos inadmisibles de resposta, etc… O cal lle engaden unha formación precaria e desregulada, a falta de procedementos de traballo, etc…
En canto aos nosos montes:
“Si botamos unha ollada atrás veremos que non é unha novidade para os galegos ver arder o noso monte. No ano 1989 tivo lugar un desastre ambiental no que arderon arredor de 200.000 hectáreas en toda Galicia, sendo este desastre o impulso para o Plan Forestal de Galicia 1992-2030. Un plan no que o primeiro obxectivo era a estruturación dos espazos forestais, entre outra cousas, pero vemos que transcorridos máis de 20 anos os orzamentos se van concentrando na extinción de incendios (carecendo de prevención) ca escusa de dar seguridade aos propietarios forestais, seguridade inexistente xa que seguen producíndose incendios como por exemplo os do ano 2006. Precisamente despois de outro desastre como o do 2006 nacen medidas como a Lei de emerxencias de Galicia 5/2007, o Estatuto da AXEGA (decreto 223/2007) e o PLATERGA que nos seus comezos podían ir ben encamiñadas pero pensamos que, por razóns ideolóxicas tal vez, só quedaron en proxectos. No outubro deste 2017 prodúcese outro novo desastre, esperemos que sexa o paso previo a unha REGULACIÓN dos servizos de emerxencias e a un RESCATE dos mesmos de mans privadas e da PRECARIEDADE reinante”.
A conclusión está clara:
Os Servizos de Emerxencias son servizos públicos esenciais, nos que se desenrola a súa actuación desde o exercicio da autoridade, polo tanto, deben ser reservados á xestión directa por parte de funcionarios públicos. Apostando por servizos profesionais e de calidade, debidamente organizados e formados para poder dar resolución ás emerxencias. É necesaria a creación dun servizo homoxéneo, e dotar á AXEGA de capacidade de coordinación dos recursos catalogados na Comunidade Autónoma.