Carmela Silva traslada o agradecemento da provincia a concellos e colectivos que traballaron na loita contra os incendios

A Presidenta da Deputación trasladou hoxe a todos os concellos e colectivos que traballaron na loita contra os terribles incendios dos últimos días o agradecemento da institución e de toda a provincia de Pontevedra aos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, ao seu persoal, a súa veciñanza, aos corpos e forzas da seguridade do estado e aos efectivos do Consorcio Contra Incendios e de Salvamento “polo seu enorme esforzo e solidariedade”.

Na carta, remitida hoxe a todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados polos lumes, Carmela Silva expresa o seu orgullo ante o papel que desempeñaron nesta crise. “Grazas pola túa capacidade de xestionar, de dirixir, de liderar e de manter a calma ante situacións tan adversas”. A presidenta provincial pídelles, ademais, que trasladen o seu agarimo e agradecemento aos integrantes dos servizos de Protección Civil, da Policía local e demais traballadores e traballadoras do Concello “polo seu comportamento exemplar como servidoras e servidores públicos”, así como á veciñanza. “Unha vez máis demostraron que somos un pobo solidario, colaborador e que sabe protexer o que máis quere. A miña gratitude porque estou segura que sen a súa implicación, a situación tería sido moito peor”.

Igualmente, a presidenta da Deputación remitiu un escrito ao Xerente do Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento no que destaca “o extraordinario traballo dos efectivos”, e pídelle que traslade “a miña gratitude e recoñecemento a todas as persoas que traballan nos catro parques do Porriño, O Morrazo, Vilagarcía e Ribadumia”.

Silva tamén trasladou á Comandancia da Garda Civil da provincia e ás Xefaturas das Comisarías de Pontevedra e de Vigo-Redondela “o meu afecto, admiración e agradecemento a todas e todos os axentes implicados, que foron moito máis alá das súas obrigacións, para axudar, acompañar e salvar as vidas dos veciños e veciñas, poñendo en risco a súa propia vida”.

Anuncios