Caballero cita aos alcaldes da área de Vigo para «cooperar» e «resolver problemas» tras a vaga de lumes

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres que está a convocar aos seus homólogos e homólogas da gran área metropolitana de Vigo para celebrar unha reunión na que «cooperar» e «resolver problemas» tras a vaga de lumes do pasado domingo e luns, que se cobrou a vida de catro persoas en Galicia, unha destas en Vigo e outras dúas en Chandebrito (Nigrán).

Caballero avanzou que o obxectivo da reunión -que terá lugar na Alcaldía o luns ás 11 horas- é «intercambiar opinións e analizar os efectos» dos incendios nos distintos municipios, unha pretensión de «cooperación e encontro» para «poñer en común» as distintas «fórmulas» para solicitar as axudas, segundo citou o alcalde vigués a modo de exemplo.

Os efectivos do parque de Bombeiros de Vigo, segundo recordou o alcalde, traballaron en Mos, Redondela e Chandebrito ata que o fogo chegou ao termino municipal vigués, o que revela uns «elementos de cooperación» existentes que permiten «actuar en común». Caballero equiparou a cita do luns coa reunión mantida na tarde de onte coa Comunidade de Montes, «cooperadora» e con «conclusións» de cara ao futuro.

«Esta é a liña na que temos que proceder», valorou Abel Caballero, «desde a cooperación e a colaboración absoluta» e afastada dos «debates políticos», porque agora é tempo de «resolver problemas»: «é o momento dos acordos e da cooperación política», concluíu.

Anuncios