Anuncios
Ticker de novas

A Xunta aproba o decreto de axudas para os afectados polos incendios

O Consello aprobou hoxe o decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron na nosa Comunidade durante estes días, o que fai necesario articular entre todas as administracións implicadas un sistema de axudas que palíen os danos causados polos incendios, que atendan as situacións de necesidade, e contribúan a restaurar os valores naturais e a reactivar a actividade económica das zonas afectadas, xa que segundo o informe da Axencia Galega de Emerxencias declárase como de natureza catastrófica.

O Goberno galego considera necesario establecer de maneira inmediata unha resposta ante a existencia desta situación de emerxencia que comporta danos con repercusións tanto a nivel económico como social-, polo que a Xunta aproba esta liña de axudas co fin de restablecer os servizos esenciais afectados e atender as necesidades derivadas desta situación.

Beneficiarios

Poderán solicitar as axudas todas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sufrisen danos que afecten tanto o inmoble como o enxoval; os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos en que se producisen danos derivados directamente dos incendios; os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.

Ademais, poderán solicitalas todas as entidades locais, para facer fronte aos gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e aos danos causados nos bens e dereitos de titularidade municipal polos incendios; así como as confrarías polos danos causados nos bancos marisqueiros polas cinzas derivadas dos lumes.

A maiores, cando non se cubra a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido ou da contía ou porcentaxe deste que se fixe en cada convocatoria.

Tipos de axudas

As axudas por danos persoais concederanse por falecemento, por incapacidade absoluta permanente e por lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación neste decreto. O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de 75.000 euros, e de entre 60 e 103 euros por día de hospitalización.

As vivendas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias serán beneficiarias de axudas ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, cun máximo que suporá o 75% do prezo dunha vivenda protexida na mesma localidade. No caso das vivendas de carácter ocasional, poderán recibir axudas de ata o 40 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado. Inclúense as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns, como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo ou instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, sempre e cando estean situadas no mesmo predio da vivenda. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade, e ao igual que nas vivendas, cubrirá o 100% se é enxoval de vivenda habitual ou 40% no caso de vivenda ocasional.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda poderá contribuír a sufragar os gastos que orixine o aloxamento provisional de aquelas persoas que, como consecuencia da acción dos lumes teñan que abandonar temporalmente as súas vivendas e, no seu caso, mentres efectúen as obras de reparación. A estes efectos, poderá celebrar convenios ou acordos con outras administracións públicas ou con organizacións especializadas no auxilio ou asistencia a damnificados en situacións de sinistro ou catástrofe.

Entidades locais

As entidades locais poderán solicitar axudas que serán destinadas a cubrir os gastos derivados das actuacións levadas a cabo como consecuencia dos incendios e os danos causados nos bens de titularidade municipal prexudicados polos incendios. Estas axudas terán, en todo caso, carácter complementario ás que sexan aprobadas por outras administracións.

As achegas da Xunta de Galicia articularanse a través de convenios de colaboración que establecerán o cofinanciamento das actuacións entre as administracións competentes, na porcentaxe que se fixe e contando coas respectivas deputacións provinciais, como competentes en materia de auxilio e cooperación aos municipios, especialmente a aqueles de menor tamaño, tal e como recolle a Lei de emerxencias.

Poderán recibir axudas os titulares das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais, como pistas forestais, captacións de auga, cerramentos e os seus complementos, bebedoiros, comedeiros, maquinaria e equipamento agrícola ou forestal, plantacións privadas e amoreamentos de madeira cortada que fosen afectadas polos incendios forestais.

Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polos incendios nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías nelas depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

Os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras que sufrisen perdas da súa produción por mor dos incendios, poderán ser beneficiarios das axudas polos danos sufridos nas explotacións que están situadas no ámbito xeográfico da nosa Comunidade.

Anuncios