Sin categoría

Manifesto Miñor denuncia o “desprezo” á lingua galega por parte do goberno de Baiona

Manifesto Miñor denuncia o desprezo á lingua galega por parte do goberno de Baiona pola edición dun calendario integramente en castelán. O devandito almanaque contén unha introdución escrita e asinada polo Alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, integramente en castelán, “o que supón un novo agravio cara a nosa lingua”. “Que o goberno do Partido Popular de Baiona despreza o galego resulta evidente, xa que nas redes oficiais do Concello hai que facer un verdadeiro esforzo por atopar publicacións en galego e nos plenos é testemuñal o uso do galego por parte dalgúns membros do goberno. Mais, agora, é o propio Alcalde quen asina o documento que encabeza este agasallo publicitario de Gestagua, en representación do Concello e de todas as veciñas e veciños de Baiona”.

Manifesto Miñor recorda que segundo a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, Artigo 7.1, “o galego, como lingua propia de Galicia, é tamén da súa Administración local”, e polo tanto, é responsabilidade do goberno municipal garantir a promoción da lingua galega e promover o seu uso. De feito, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado polo Parlamento de Galicia, fixa os seguintes dous obxectivos para o ámbito da Administración local: consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados e incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o Concello e a comarca lle ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas.

En definitiva, dende Manifesto Miñor consideran que o goberno do Partido Popular de Baiona incumpre a lei no que ten que ver coa promoción e uso do galego e vulnera os dereitos lingüísticos das veciñas e dos veciños do concello. “Xa que logo, poñemos esta situación en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística para que realice todas as actuacións que considere”.