Carmela Silva: “A situación é dramática, a perda que tivemos na provincia estes días é incalculable”

FOTO: PSOE // Visita de Pedro Sánchez a Chandebrito.

Tras ter visitado onte os incendios cualificados de nivel dous na provincia de Pontevedra, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, instou á Xunta de Galicia e ao goberno de España a que se poñan xa a traballar. Así, Silva informou que “a situación é dramática, a perda que tivemos na provincia durante estes días é incalculable e por iso quero facer un chamamento para que, de forma urxente e inmediata, tanto o Xunta de Galicia como o goberno de España poñan en marcha todas os mecanismos, todos os recursos e axudas necesarias, sen ningún tipo de restrición, para que as veciñas e veciños que perderon todo o que tiñan o recuperen así como o noso patrimonio natural”.

A presidenta provincial amosou que “cando como representante institucional visitas os concellos da provincia tes que dar seguridade, unha mensaxe de futuro, dicirlle á xente que imos solucionar a situación… pero certamente cáeseche a alma aos pes cando ves toda a destrución que provocaron estes incendios”. Silva informou que onte visitou os concellos afectados por incendios cualificados de nivel dous na provincia de Pontevedra e verbalizar con palabras a situación é “imposible, non se pode definir”.

Carmela Silva mencionou que as Neves, “que conta con máis do 90% de afectación, con absolutamente todo queimado, parecía un pobo dunha película de terror, unha paisaxe lunar, onde vías vivendas que se salvaron polo incalculable traballo do goberno local pero tamén das veciñas e veciños”. A presidenta provincial asegurou que a mesma impresión tivo cando percorreu Pazos de Borbén, Ponteareas, Nigrán, Gondomar, Baiona e os montes de Vigo.

“Moitas veciñas e veciños da provincia de Pontevedra perderon xardíns e cultivos, todo o que tiñan, pero todas e todos perdemos o patrimonio natural, a nosa paisaxe de foresta e verde, que quedou totalmente destruído”. Ante esta situación, Silva manifestou sentir “unha inmensa pena e unha inmensa dor” e instou á administración autonómica e estatal a que habilite todas as axudas necesarias para recuperar o patrimonio das veciñas e veciños da provincia.

Anuncios