Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Baiona dota ao Campo de O Aral de aseos públicos

Operarios da Brigada Municipal de Obras do Concello de Baiona instalaron unha caseta sanitaria no campo de fútbol de O Aral. As novas dependencias, agardadas con impaciencia pola afección do Erizana e outros usuarios da área deportiva, teñen unhas medidas exteriores de 4,25×2,44×2,88m, distribuiranse en dous aseos, un deles accesible para persoas de mobilidade reducida, ambos equipados con inodoros, urinarios, lavabos e compoñentes sanitarios como dispensadores de xabón líquido, de toallas de papel e de papel hixiénico, todos eles en aceiro inoxidable. A instalación supón un investimento de 5.354,25 euros.

As novas instalacións, contarán con ligazón directa á rede xeral de saneamento, así como con varios puntos de luz.

Este equipamento sitúase nun dos extremos do campo, o máis próximo á bancada esquina con acceso ao parking municipal e próximo aos vestiarios dos xogadores.

O Alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Deportes, Mª Jesús Martíns, mantiveron unha reunión coa directiva do Erizana F.C. para coñecer de primeira man as inquietudes do club baionés. Nela, os directivos trasladaron ao rexedor a necesidade de contar con aseos públicos xa que ata agora aqueles que tiñan a necesidade de acudir ao aseo tiñan que dirixirse aos vestiarios ou aos urinarios do parking municipal. Rodal comprometeuse inmediatamente con esta petición, a cal xa lle fixeran chegar outros veciños da localidade.

“Trátase dunha solicitude demandada tanto polo club como por outros moitos veciños e usuarios da área deportiva. O campo de O Aral é unha das instalacións máis utilizadas polos baioneses, especialmente por rapaces das escolas deportivas municipais e clubs de categorías inferiores, así como tamén polos mozos que utilizan a renovada pista de skate e queremos que siga funcionando ao máximo rendemento e que conten cos servizos necesarios para que todos gocen”, apunta o alcalde, Ángel Rodal.

Renovación integral

A dotación de aseos públicos ao Campo de O Aral é o primeiro paso do Concello pois a aposta do goberno local pola mellora do campo vai moito máis aló.

O consistorio baionés reformará integramente o Campo de Fútbol Municipal cun investimento superior aos 265.000 euros con cargo aos fondos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra que permitirá renovar as instalacións e mellorará tanto o terreo de xogo (6.000 metros cadrados) como a pista de atletismo (2.000 m2) cunha base elástica que previrá lesións.

O bo entendemento entre o goberno local e a directiva do Erizana F.C., un dos principais usuarios do Campo de Fútbol Municipal de O Aral, permitiu analizar nas últimas semanas as necesidades do club e das instalacións para decidir cales serían as reformas para levar a cabo.

O Campo de Fútbol Municipal foi construído fai dez anos, polo que o céspede atópase no tempo máxima de idade, e o goberno local planificou as reformas para que continúe a ser o campo de referencia.

Durante esta década, O Aral converteuse na infraestrutura deportiva máis utilizada polos veciños de Baiona e unha das máis demandadas da provincia. A súa situación no centro da Vila favorece que tanto un dos equipos de referencia como as Escolas Deportivas Municipais, fagan uso das instalacións.

Anuncios