Anuncios
Ticker de novas

A Xunta achega preto de 116.000 € aos Centros de Información á Muller da comarca

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas ás entidades locais para a promoción da Igualdade, pola que se benefician un total de 123 concellos e mancomunidades.

As axudas están destinadas a programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e apoio aos centros de información ás mulleres, CIMs. Contan cun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros- cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos.

No marco da terceira liña de axudas, o programa de apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), a comarca do Val Miñor recibirá un total de 115.751,87 euros. A Xunta achegará ao Concello de Baiona 45.000 euros, 27.520,66 euros ao Concello de Gondomar e 43.231,21 euros ao Concello de Nigrán.

Co obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, o goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM de a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros.

Anuncios