Castro e Ladeira solicita a cesión da Casa Rosa para evitar que estea pechada

FOTO: CASTRO E LADEIRA // Membros da asociación xunto a Casa Rosa.

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira reclama a apertura durante todo o ano da Casa Rosa cun programa de actividades no que estea involucrado o colectivo, que leva anos pedindo a súa cesión. “Por parte do Concello foron promesas incumpridas”, sinala o seu presidente, Martín Otero.

“Estamos en outubro e segue pechada, e non queremos que a volvan abrir e aos catro meses peche, co cal revisamos o expediente da Casa Rosa, comprobamos que pertence ao Servizo de Costas, fomos a Pontevedra, estivemos en Sabarís co vixilante, e recadada toda a información decidimos enviar a carta a Costas, e unha copia ao Concello”, engade Otero.

“Me chama a Concelleira de Educación porque leva ela o tema, e me conta unha mentira, que o ser cedida por Costas non pode cedérnola, cousa que non é certo xa que cando estiven investigando, falei coa Interventora e me dixo que si podía cedela, é máis, o terreo onde facemos as festas gastronómicas é cedido por Costas ao Concello e nos deixan facer as festas, como se come?”, pregúntase o presidente de Castro e Ladeira.

Para Otero, a concelleira e o alcalde non teñen vontade nin capacidade de xestión para a Casa Rosa, por iso se ofreceron a abrila reiteradas veces este ano con voluntarios para que non estea pechada. “O pobo quere desfrutala, se a teñen pechada e din que está infrautilizada, outra mentira senón a pos en funcionamento, non a potencias, nin fas difusión”.

O presidente de Castro e Ladeira pon de exemplo a de Nigrán, á que van moitos baioneses, non só como Centro Antena senón ofertando cursos. “Aquí fixeron dous o ano pasado e nada mais, e pedimos nós utilizar os ordenadores en ocasións porque os veciños o solicitaron maiormente de 60 anos para darlles un curso de informática e o carecer de equipos informáticos nunca podemos levalo adiante”.

“Prefiren ter a xente sen formación, sen ver aves e sen utilizar o Centro Antena, co cal pedimos que estea aberta senón nos deixan a xestión a nós, que saquen unha praza fixa, e así crean emprego, e nos inclúan nas actividades”, conclúe Otero.