Un proxecto de piscina e urbanización en Nigrán, premiado no certame Gran de Area 2017

Piscina e urbanización exterior da Finca das Rozadas en Chandebrito-Nigrán.

O proxecto de piscina e urbanización exterior da “Finca das Rozadas”, na parroquia nigranesa de Chandebrito, é un dos once proxectos galardoados na décimo sétima edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2017, fallados polas Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Como continuación dun encargo anterior de rehabilitación de vivenda tradicional, exponse na mesma leira a necesidade de acondicionar o xardín, os accesos e a construción dunha piscina. Os arquitectos Severo Fernández Castro e Ana García Boutureira partiron da singularidade dun terreo situado nun “outeiro” no que o diálogo coa superficie granítica é imprescindible para que o resultado da obra fose coherente no seu territorio.

Por iso exponse a construción dunha peza monolítica de formigón, con xeometría e liñas singulares, incrustada sobre a roca deformada e orgánica preexistente. A piscina é un oco dentro da nova rocha de formigón, que se eleva sobre o terreo cunha imaxe máis contemporánea. Reconstruíuse tamén un vello hórreo existente na leira e pavimentáronse plataformas, patios e percorridos sempre co mesmo material que reforza a imaxe do conxunto e o diálogo entre o granito preexistente e o formigón.

Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade -arquitectos, promotores, construtores e aparelladores-. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Este ano presentáronse 58 proxectos (21 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 19 na de Pontevedra e 18 na de Ourense) de diversas escalas e localizacións que se converten en oportunas reivindicacións da profesión e a arquitectura da provincia, axudando a mellorar o contorno e a modo de vehículo de comunicación para transmitir a cultura arquitectónica á sociedade. “As candidaturas, que destacan polo seu alto nivel, dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten un compromiso dos autores e demais axentes involucrados no proceso construtivo coa arquitectura responsable. Amosan que a arquitectura é posible e próxima e representan á mellor obra arquitectónica do sur de Galicia” -manifesta a organización-.

O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos, Alberto de Paula, Manuel Abelleira e Antonio Davila; e un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, Pedro Diéguez por Ourense, Sara Besada por Pontevedra, e Manuel Martínez por Vigo; e a arquitecta Sonia López premiada na edición anterior, e a secretaria da delegación ourensá Emma Noriega. Tras un longo debate e análise dos proxectos presentados, o xurado seleccionou 11 premiados que destacaron polo seu “alto nivel” e calidade arquitectónica.

O acto de entrega de diplomas celebrarase o 20 de outubro, ás 19:00 horas, no Liceo de Ourense, situado na rúa Valentín Lamas Carvajal nº 5, para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro na cidade ourensá.

PISCINA E URBANIZACIÓN EXTERIOR DA FINCA DAS ROZADAS EN CHANDEBRITO-NIGRÁN.
Piscina e urbanización exterior da Finca das Rozadas en Chandebrito-Nigrán.
Anuncios