Gondomar traduce os sinais de tráfico denunciados pola Garda Civil ao castelán

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Os rótulos dos sinais en castelán.

O Concello de Gondomar substituíu nos últimos días os rótulos escritos en galego dos tres sinais de tráfico denunciados pola Garda Civil o pasado mes de marzo por outros en castelán. O primeiro, no que se podía ler “Excepto profesorado/persoal e vehículos autorizados”, estaba colocado na entrada do instituto Terra de Turonio desde a súa inauguración; os outros dous, colocáronse no ano 2007 nos accesos ao Polígono da Pasaxe, coa inscrición “Agás usuarios polígono”.

O alcalde, Paco Ferreira, que por aquel entón o considerou “un ataque á lingua” contrario ao Estatuto de Autonomía, sinala agora que “non é unha prioridade, pero si unha obrigación”. Subliña ademais que as leis e os requirimentos do Defensor do Pobo “están para algo, para cumprir”.

“Gústenos ou non, as leis son para cumprilas, e os gobernantes os primeiros”, incide Ferreira, quen lembra que a Lei de Seguridade Viaria indica que os sinais de tráfico deben estar en castelán. “Insto á Defensora do Pobo que siga cos demais concellos de Galicia e que empece por Pontevedra capital”.

Anuncios