Avelaíña instala mesas informativas sobre saúde mental en Baiona

FOTO: ALEVAÍÑA // Mesa informativa de Avelaíña.

O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que cumpre 25 anos e conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). A saúde mental no lugar de traballo foi o tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración, considerando que se trata dun asunto de interese para os axentes sociais, as institucións e a sociedade en xeral.

A este propósito, e coincidindo coa celebración do vinte aniversario de Avelaíña, quérese chamar a atención sobre esta realidade, instalando mesas informativas no Concello de Baiona, na Praza de Mendoza durante o día de hoxe onde a poboación poderá coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a asociación no Val Miñor.

Avelaíña tamén ten previsto outras accións de sensibilización no mes de outubro. Para o día vindeiro día 10, coincidindo co día Mundial da Saúde Mental, organizarase unha andaina solidaria no Concello de A Guarda, que se completará cun acto institucional e a actuación dun grupo musical.

Avelaíña

Avelaíña foi creada fai 20 anos coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos. Conta con dous centros de rehabilitación e un piso protexido e presta servizos no Baixo Miño, Val Miñor e dende o ano pasado, tamén nas comarcas de Condado e Paradanta.

Anuncios