Marine Instruments adquire a start-up galega de drons UAV Instruments

FOTO: MARINE INSTRUMENTS

A empresa nigranesa Marine Instruments formalizou hoxe a adquisición dunha parte maioritaria da start-up galega UAV Instruments, empresa dedicada a ofrecer solucións integrais baseadas no uso de vehículos aéreos non tripulados (drons).

UAV Instruments nace na primavera de 2016 froito do esforzo e a visión de dúas empresas cunha traxectoria ben contrastada neste sector dos vehículos aéreos non tripulados. A primeira, CARTOGALICIA, con máis de dez anos de experiencia na utilización de plataformas aéreas non tripuladas para o sector topográfico, e a segunda, ANSI, enxeñería orientada aos servizos industriais desde o deseño de solucións innovadoras.

“Ata o momento UAV Instruments centrou os seus esforzos no desenvolvemento de diversas plataformas voadoras con diferentes cargas útiles e autonomías pero que comparten a mesma electrónica de voo, elemento diferenciador que permite unha redución dos custos operativos a través da versatilidade do sistema”, comenta Jesús Cordero, Xerente de ANSI e CTO de UAV Instruments.

“Para poder afrontar con garantías o forte crecemento esperado, a incorporación ao proxecto de Marine Instruments achegará estrutura e valor engadido, contribuíndo con capacidades complementarias entre as que cabe destacar a nosa solidez financeira, capacidade industrial e rede comercial internacional”, destaca Gabriel Gómez Celaya, Director Xeral de Marine Instruments.

“Esta alianza permitirá avanzar máis rapidamente na adopción destes sistemas como solucións viables aplicables a diversos sectores industriais”, incide Marcos López, xerente de CARTOGALICIA e socio fundador de UAV Instruments, “ambas as dúas empresas temos a mesma visión, ofrecer aos nosos clientes soluciones completas baseadas nas súas necesidades particulares e cun claro enfoque innovador”.

Marine Instruments, con sede no polígono empresarial de Porto do Molle, destacou desde os seus inicios e a nivel global, no desenvolvemento e fabricación de boias satelitais e equipos de seguimento para a industria pesqueira e leva dous anos desenvolvendo unha solución baseada nun á fixa non tripulada para apoiar a pesca do atún a banco libre que permitirá prescindir do helicóptero nos grandes buques atuneiros.

Marine Instruments foi recentemente distinguida, de entre máis de 33,000 empresas, co premio á mellor estratexia de crecemento nos prestixiosos European Business Awards.

Anuncios