O Plan Especial das Costeiras chegou este xoves ao Pleno de Baiona da man dunha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista, cuxo fin último era a paralización do proceso. Un grupo de veciños da parroquia afectada asistiron á sesión ataviados cunha camiseta na que se podía ler “Non ó campo de golf de Baredo”.
María Iglesias, como portavoz do goberno local, asegurou que “temos moi claro o que queren os veciños e tamén temos claro que non imos facer nada que os veciños non queiran, non se vai a facer nada pola forza”.
A tenente de alcalde lembrou ademais que “estamos nun período moi inicial, non estamos a falar de que mañá se vaia a poñer a primeira pedra e pode quedar no camiño por moitos motivos, non só porque o pare o equipo de goberno, senón por inviabilidade económica, por algún informe sectorial…”.
“O que está claro é que nós somos serios, temos un criterio claro, estamos nun proceso inicial e imos seguir para que o equipo redactor xustifique todo o que ten que xustificar, e se non está xustificado e os veciños non queren, quedará onde ten que quedar, iso está claro”, subliñou Iglesias, que lembrou que o Plan Especial das Costeiras ía no programa electoral do PP, “polo que non se enganou a ninguén”.
O BNG, que desde o minuto un opúxose a este proxecto, insistiu na súa retirada, mentres que desde EU indicaron que “a nosa idea é que o Plan se elimine, simplemente que aquilo quede como está”.
O Plan Especial das Costeiras está a suscitar un movemento social e veciñal como non se viviu en anos en Baiona. Contempla un campo de golf de 18 foxos acompañado de club hípico, pistas de tenis e paddle, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina, club social, cafetería, pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos nunha área de case 70 hectáreas, cun valor total que supera os 14 millóns de euros.



