A Obra Social “la Caixa” implicouse un ano máis nos campus deportivos que organiza o Concello de Baiona, aos que achegou 9.500 €.
Cunha semana de duración de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, inclúen actividades deportivas nas que veciños do municipio e turistas participan activamente. Este verán contou coa cifra récord de máis de 600 participantes repartidos nas 16 disciplinas que se ofertaban.
A participación de “la Caixa” no programa dos campus deportivos inclúe un transfondo social claro, pois a entidade asume o gasto daqueles menores en situación vulnerable cos que traballan os servizos sociais do Concello de Baiona, ademais de sufragar tamén a participación nos campus deportivos daquelas persoas con algún tipo de discapacidade.
O obxectivo desta iniciativa consiste en ofrecer lecer inclusivo a todas as persoas independentemente das súas circunstancias e avanzar así na súa integración. Participaron persoas con síndrome de Down e TEA.
O Alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Deportes, Mª Jesús Martíns, recibiron ao director de área, Igor de las Heras, e a directora da oficina de Baiona, Begoña Abraldes, que asistiron en representación de “la Caixa”.
O rexedor agradeceu aos representantes da entidade a súa colaboración co Concello xa que grazas á súa achega moitos nenos do municipio puideron gozar de diversas actividades durante o verán.
De las Heras e Abraldes destacaron a súa satisfacción por poder ofrecer oportunidades de lecer a todas as persoas de Baiona, independentemente das súas circunstancias económicas ou necesidades especiais.

