Nigrán outorga licenza a Ecoforest para unha nave de máis de 13.000 m2 en Porto do Molle

A Xunta de Goberno Local do Concello de Nigrán aprobou a licenza a Ecoforest para a construción dunha nave industrial en Porto do Molle destinada a deseño, desenvolvemento e fabricación de bombas de calor. A firma especializado en sistemas de calefacción, climatización e auga quente sanitaria a partir de recursos naturais construirá unha macroplanta de 13.431 m2 sobre unha superficie resultante de agregar dez parcelas do parque empresarial (15.586 m2 de superficie). A construción da nave suporá un investimento total de 5.404.362 euros. Precisamente, o Concello renunciou en decembro á compra dunha destas parcelas destinadas a almacén municipal co obxectivo de facilitar a implantación de Ecoforest, polo que finalmente adquiriu outra con este fin no mesmo polígono.

Recentemente, o Concello aprobou en Porto do Molle a licenza para a ampliación da fábrica Snop Estampación e concedeu unha nova para a construción dunha nave destinada á fabricación de maquinaria pesada por parte de Industrias Nebrinox. Estas dúas suman un orzamento de execución da obra de preto de 3 millóns de euros que si se engade Ecoforest supón máis de 8 millóns de euros, polo que o rexedor, Juan A. González, destaca non só as novas posibilidades de emprego que xera a súa instalación, senón os ingresos que supoñen para as arcas municipais.

«Porto do Molle non só significa novas posibilidades de emprego para os veciños de Nigrán, senón que o seu propio crecemento ordenado e sostible proporciona ao Concello os ingresos necesarios para levar adiante máis e mellores políticas sociais. Este parque empresarial é unha parte fundamental do desenvolvemento de Nigrán e un referente en innovación, I+D ou ecoloxía que representa a mellor imaxe dun municipio dinámico, moderno e emprendedor», sintetiza o rexedor, Juan González, quen defende este modelo de crecemento ordenado e sostible como premisa para o crecemento de Nigrán.

«Cada vez que unha empresa se instala en Porto do Molle atrae á súa vez a novas firmas que se dan conta das grandes posibilidades que ofrece este parque que actualmente reúne a industria non contaminante de todos os ámbitos animada polo valor engadido e localización do parque”, conclúe Juan González, alcalde de Nigrán.