A Deputación de Pontevedra intégrase na Asociación Española de la Carretera

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Uxío Benítez no AECLab en Madrid.

A Deputación de Pontevedra formará parte da Asociación Española de la Carretera (AEC), un colectivo estatal que agrupa a 198 socios (administracións, asociacións, centros de investigación, colexios profesionais, construtoras, concesionarias, entidades de seguranza viaria…) implicados no desenvolvemento e mellora da mobilidade e das estradas da rede viaria no estado. A AEC colaborará coa institución provincial, segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, no desenvolvemento de estudos e traballos de investigación, na organización de congresos, reunións, seminarios e conferencias, e tamén na produción de material de difusión, ademais de aportar asesoramento e outros servizos.

A decisión de tomar parte da asociación foi comunicada hoxe en Madrid polo deputado da área, Uxío Benítez, ao director xeral da AEC, Jacobo Díaz, quen se congratulou da posibilidade de traballar en conxunto coa institución provincial pontevedresa, e de que esta poida expoñer ao resto dos socios a súa fórmula de xestión das estradas provinciais e os diferentes plans de actuación e conservación que ten en marcha, como o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Móvese). Neste sentido, Díaz manifestou que a pasada semana a AEC desenvolveu o ‘Foro de Gestores de Carreteras de Diputaciones Provinciales, Cabildos y Consells insulares’ que se celebra periodicamente para contrastar fórmulas de traballo e solucións a problemas comúns nas institucións adheridas ao colectivo.

O deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez participou hoxe no laboratorio de ideas sobre Mobilidade organizado pola AEC baixo o lema ‘Thinking of Mobility-Thinking on the Road’. O nacionalista, que falou sobre infraestruturas de futuro e políticas de xestión deu a coñecer o plan de calmado de tráfico (MÓVESE), cualificou o encontro como “moi interesante e produtivo”, polas novidades sobre o desenvolvemento da rede viaria que se puxeron sobre a mesa e os debates abertos sobre novos marcos conceptuais para a planificación viaria por parte das administracións.

No laboratorio participaron representantes de administracións, fabricantes de automóbiles e de empresas tecnolóxicas, que salientaron que a mobilidade urbana e interurbana son grandes campos para a innovación e a xeración de novos servizos, dirixidos á creación de contornas máis saudables, seguras e eficientes, impulsoras de emprego e riqueza.

O programa do evento estruturouse en cinco bloques de debate: o primeiro será ‘Cambio climático e sustentabilidade. Políticas de xestión’, ao que seguirán ‘Innovación no sector viario. As infraestruturas do futuro’, ‘Investigación sobre condución autónoma en España’, ‘Big data e Mobility as a Service (MaaS)’ e ‘Pago por uso de infraestruturas’.