Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Baiona readmite a dous bolseiros como persoal laboral por sentenza xudicial

O Concello de Baiona deberá readmitir a dous bolseiros e incorporalos como persoal laboral tras senllas sentenzas xudiciais. Despois de que a Inspección de Traballo obrigase hai un ano ao consistorio a contratar á bolseira que desempeñaba o seu labor na Biblioteca, o goberno municipal prescindiu doutras catro persoas que se atopaban na mesma situación.

Hai un mes fíxose pública a sentenza condenatoria ao Concello de Baiona en favor do bolseiro de informática, que supuxo ás arcas municipais unha importante suma de diñeiro. A pasada semana produciuse a sentenza da bolseira de Prensa e Comunicación, cun custo en concepto de atrasos e indemnización que oscila os 50.000 euros.

Queda pendente a sentenza do bolseiro de Cultura, que se estima terá un custo similar aos anteriores e que vai supoñer un montante total de 120.000 euros.

“Desde a Agrupación Socialista de Baiona atopámonos alarmados polo malgaste económico en materia xurídica por parte do Concello”, sinala Carlos Gómez Prado, Secretario Xeral do PSdG-PSOE de Baiona.

“Por parte dos socialistas de Baiona tentouse solicitar toda a información relativa aos litixios nos que o Concello viuse involucrado no últimos sete anos, solicitando a tal fin copia dos expedientes, recibindo unha negativa por resposta”, engade Gómez Prado.

“Isto non só deixa en evidencia que o actual grupo de goberno non ten unha perspectiva de futuro en materia de emprego, senón que parece actuar en contra do ordenamento xurídico”.

Deste xeito, o Secretario Xeral dos Socialistas de Baiona, “pola incompetencia deste grupo de goberno”, pide responsabilidades ao Alcalde e á asesora xurídica do Concello (Secretaria). Así mesmo, esixe a dimisión da responsable de Persoal, a tenente alcalde María Iglesias.

Anuncios