Sin categoría

Visita guiada por la zona afectada por el proyecto del área deportiva de Baredo

Este sábado 16 de septiembre se realizará una visita guiada por la zona afectada por el Plan Especial de Dotación e Infraestructuras «As Costeiras» en Baredo, que incluye un campo de golf, piscina, hípica, pistas de tenis y recinto para curro. El punto de encuentro será en Chan da Lagoa a las 17:30 horas.

COMUNICADO DE SOS GROBA: NON QUEREMOS O CAMPO DE GOLF

Son moitos os motivos polos que non queremos o campo de golf:

Ninguén é quen de expropiarlle case 70 hectáreas aos montes de Baredo poñéndolle prezo e sen preguntarnos. Cobramos unha vez soa e quedamos sen máis do 20% do monte dos nosos avós que temos que deixar aos nosos fillos. Non queremos vender.

Non son verdade as xustificacións que se indican no proxecto sobre a necesidade destas instalacións para xente do Val de Miñor e os turistas que nos visiten; ademais propóñense unhas instalacións que xa temos e outras que son ruinosas no resto da provincia.

Manter un campo de golf en condicións precisa do uso de agroquímicos como fertilizantes e fitosanitarios. Os primeiros para manter a herba verde, ancha e perfecta, meténdolle nitróxeno, fósforo, xofre, potasio…. e os segundos en forma de funxicidas, herbicidas e insecticidas. Os estudos demostran que estes produtos administrados en gran directamente na terra, ou por fumigación, acaban entrando nos acuíferos, contaminando as augas, e afectando a saúde das persoas: a pel, os ollos, o fígado, tocando o sistema nervioso central, producindo lesións xenéticas, alteracións hormonais, certos cancros…

O proxecto fai un estudo de uso da auga que non cremos. Non o cremos nin na cantidade nin na calidade das nosas augas, do que nada se di. As necesidades hídricas son tan grandes que proxectan construír 11 presas nas cuncas das regueiras e facer pozos de barrena, tantos como necesiten. Xa dixemos ao principio que non aprobaron o campo de golf de Pinzás por falta de auga, e aquel ía nos grandes nacentes do Río Cereixo.

O proxecto repite o pouco impacto paisaxístico que provocarán as obras. Tampouco estamos de acordo cando queren dinamitar outeiros, facer desmontes de 7 metros de altura e recheos de máis de 7 metros nas vagoadas para achanzar o terreo para poderen xogar. Se o impacto fose pouco non lle dedicarían 2.593.746 euros ao concepto de movemento de terras, máis de 200.000 metros cúbicos, que son uns 13.000 camións de 15 metros cúbicos cada un.

E vannos cortar camiños. Os camiños polos que baixaron miles de carros cargados de toxo para as cortes das nosas casas, para os fornos das Adrianas, de Columba, de Fasquías… e para as telleiras de Nigrán. Toxo arnal. Os camiños de iren ao Curro. Os camiños da vida…

E van deixar sen habitát ás burras do monte, aos garranos, que terán que baixar máis aos campos ou extinguirse. E aínda din que farían un curro novo tendo o de Mougás a menos dun quilometro. Para qué e para quén se deixan ás burras sen monte? A como lles vai saír a hora de xogo dun golfista aos veciños de Baiona? Quén vai pagar todo ese gasto para que se beneficien uns poucos? A saúde e o benestar dos veciños non importa?

Hai uns anos tentaron facer un campo de golf nas mellores chans de Chandebrito, Camos e Priegue, pero a oposición dos veciños fixo que A Chan das Pías, O Viveiro e A Chan das Requeixadas se libraran dos buracos. Pouco máis tarde atacaron pola banda de Pinzás nos nacentes do Río Cereixo, o que pasa por Tebra e atravesa o Concello de Tomiño até desaguar no Miño. Aquí o campo ía cheo de buracos e acompañado de 550 chalets adosados. Foi botado abaixo pola insistencia dos veciños e a consellería sentenciou INSOSTIBILIDADE POR FALTA DE AUGA.

Na Serra da Groba tamén tentaron plantarnos 21 muíños de vento de máis de 125 metros de altura. Ían de Monte Redondo á Gabiñeira, saltaban ao Corno Ladredo, ao Alto do Foxo Pedriño, ao Campuchán e ao Castelo. Outro grupo de xigantes ía no Carroubelo ollando para o Mosteiro de Oia. Botámoslle dez muíños abaixo por AGRESIÓN VISUAL AO MOSTEIRO e por INCOMPATIBILIDADE COA RIQUEZA ARQUEOLÓXICA DA SERRA.

Na Groba probaron co “Proxecto Verde” nas Chans por detrás da Cruz de Pau. O nome é moi bonito pero tratábase de encher as nacentes de auga de Belesar de entullo de obra –miles de camións- e logo botarlle herba por riba. E pensaron nunha pista de autocross, e nunha balsa de auga xigante alá pola Pernal de Mougás.

Agora tocoulle a Baredo. Imos ver. En 1936 comezaron a roubarlle aos de Baredo os terreos da Batería e logo de rematar a actividade militar nos anos 80 as terras non volveron máis aos lexítimos propietarios. Nin o Concello axudou. Temos que tentalo, son nosas.

Cando a mediados dos 60 o Concello de Baiona decidiu facer recollida municipal de lixo non pensou nos montes de Sabarís, nin Belesar, nin Baíña, nin nos propios de Baiona. En quen pensou para botar a merda? Home! En Baredo. Máis adiante cando se decidiu trasladalo da subida á Batería continuouse pensando en Baredo e foi para a beira do mar fronte A Carral. Merda e percebes.

Nos 60 fixo falta pedra para ampliar A Doca en Baiona e o buraco fíxose en Baredo. Entre Balea e A Fonte de Anta. Cando fixo falta un campo de fútbol pensouse no Val de Martiño e na Fonte dos Mortos. Xa había o campo de xogaren solteiros contra casados. Outra vez en Baredo, por 30 anos e barato. 0 euros/ano.

Se fai falta rematar a autoestrada metemos un tallo xigante no monte da Fonte de Anta onde o carro non quixo seguir coa Virxe da Cela para Baiona. O do túnel era moi lento e caro e o alcalde tiña présa.

Xa sabedes que a depuradora das augas de todo o Concello tamén está en Baredo. E xa sabedes que cando se botou abaixo o colexio de Sabarís a broza foi para O Río do Parreal nas Xestas de Baredo. Agora toca campo de golf.

O Concello de Baiona no último Plan Xeral de Ordenación Municipal inclúe un PLAN ESPECIAL DE DOTACIÓN E INFRAESTRUTURAS “AS COSTEIRAS” (PE-4). Esta é a maneira moderna de chamarlle a un campo de golf en Baredo que, ademais, non é nas Costeiras.

O que propón o Concello é un campo de golf “COMPLEMENTADO CON PISCINA, HÍPICA, PISTAS DE TENIS E RECINTO PARA CURRO”. Para isto, sen consultar aos veciños nin á Comunidade de Montes, o goberno municipal desenvolve o seu proxecto en 675.000 metros cadrados, case 70 hectáreas ou máis de 1000 ferrados entre A Chan de Morrecán e A Pedra Branca na entrada do curro correndo pola estrema con Mougás até O Outeiro de Rique e incluíndo A Regueira das Mixiñas, a do Malo Paso e a da Presa por riba das Tres Regueiras. Xusto os nacentes de auga da parroquia.

Non falaron cos veciños para escoitar o seu parecer nin falaron cos que teñen burras no monte xa que o proxecto conta con levar para dentro das instalacións un curro.

Ademais o Concello non dialoga para solicitar unha cesión, un alugueiro das terras. O Concello DEBERÁ FACER FRONTE Á EXPROPIACIÓN e ademais ponlle un prezo: 3 euros o metro cadrado, por 675773,63 metros cadrados dá un total de 2 millóns de euros.

O PROXECTO

A proposta do Concello de Baiona é fechar 675773,63 metros cadrados de monte comunal de Baredo entre Baíña e Mougás, entre a entrada á Fonte Regueira, Os Marcos e A Pedra Branca correndo pola estrema cara O Outeiro de Rique e vindo por riba das Tres Regueiras até A Chan de Morrecán.

A estas terras o comprador ponlle prezo sen saber o amo, ao que non lle preguntou se quere vender e dille que son a 3 euros o metro cadrado e o total son 2 millóns de euros. O Concello vai á expropiar e logo quérello dar a unha concesionaria que execute as obras en dúas fases, e explote as instalacións. O novo propietario cobrará 30.000 euros ao ano á concesionaria.

Dentro do muro quilométrico o que interesa facer é un campo de golf de 21 buracos en dúas fases de construción, acompañado, para poder chamarlle instalacións deportivas de interese público, de clube hípico, pistas de tenis e paddle, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina – que se faría na segunda fase-, club social, cafetería e tamén pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos. O valor total das obras supera os 14 millóns de euros.