Anuncios
Ticker de novas

Comeza a construción da senda peonil e ciclista entre Praia América e A Ramallosa

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Inicio das obras da nova senda peonil e ciclista entre Praia América e A Ramallosa.

O Concello de Nigrán celebra que a Xunta cumpra ao fin a súa demanda de dar continuidade á senda peonil de A Ramallosa a Praia América, obra que comezou esta semana e que dende o goberno local se reclamou durante anos mesmo a través de emendas aos orzamentos da Xunta a través do PSdG.

“A senda peonil e ciclista que percorre o litoral dende A Ramallosa a Panxón (o sendeiro azul) finaliza abruptamente na Foz, impedíndolle a peóns e ciclistas continuar cara a Praia América dun xeito seguro e accesible porque incomprensiblemente non se habilitaron os 300 metros seguintes que agora permitirán chegar ao trazado do areal sen perigo algún”, incide o rexedor, quen avala este novo proxecto que implica desprazar máis á marxe dereita a isleta de Torrente Ballester e humanizar ese tramo de vivendas. Nesta rúa (zona de A Foz cara a Monte Lourido) o Concello acadou hai un ano que se pintase un paso de peóns, xa que nesta estrada que une A Ramallosa e Praia América non existían.

As obras da nova senda na estrada PO-325 terán un investimento duns 390.000 euros. O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao carril bici e á senda peonil existente, que finaliza actualmente ao termo da travesía de Praia América. Para iso, construirase unha senda duns 300 metros, que fará chegar a senda actual ata o comezo do paseo existente ata Baiona.

A senda, que será de uso mixto, para peóns e ciclistas, terá un ancho de 2,5 metros e estará separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía, para o que se ampliará a calzada pola marxe dereita ata o límite do dominio público, sen ser necesarias expropiacións. Tamén se mellorará o firme e renovarase a beirarrúa da marxe esquerda.

Ademais, aproveitaranse estes traballos para realizar outras actuacións complementarias na rede de drenaxe para as augas pluviais; substituír a iluminación, no lado esquerdo; e realizar a canalización para a instalación de futuros servizos.

Anuncios