Anuncios
Ticker de novas

Nigrán reclama de novo á Xunta o arranxo da rúa Otero Pedrayo

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Otero Pedrayo.

Aproveitando o inicio das obras de construción da senda peonil e ciclista entre Praia América e A Ramallosa, o alcalde de Nigrán, Juan A. González, recorda á Xunta que aínda ten pendente a actuación en Otero Pedrayo (PO-552).

A vía de titularidade autonómica, que une as parroquias de Nigrán e Panxón, conta coas beirarrúas peor conservadas de todo o municipio, acumulando decenas de denuncias dos veciños debido a que o seu estado produce lesións e accidentes e incumpre todas as normas de accesibilidade. Así, pese a ser unha estrada vertebradora do municipio e que soporta moito tráfico, a súa conservación por parte da Xunta é lamentable.

Ademais da mellora urxente das beirarrúas é imprescindible a reparación do seu firme, o pintado do mesmo e a instalación de medidas correctoras de velocidade para evitar accidentes, así como o arranxo na rede de saneamento e pluviais.
A rúa Otero Pedrayo é unha vía dun quilómetro de lonxitude e de titularidade autonómica que remata por unha banda na PO-552 e por outra na PO-325, ambas as dúas de propiedade autonómica tamén.

O goberno municipal tamén reclama o arranxo das beirarrúas da Avda. de Portugal, desde o Centro de Saúde da Xunqueira a Ramallosa.

Anuncios