Nigrán estréase en Ciudad Ciencia cunha sesión de monólogos científicos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Presentación de Ciudad Ciencia.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Obra Social “la Caixa” e o Concello de Nigrán puxeron en marcha neste municipio Ciudad Ciencia (www.ciudadciencia.es), un proxecto de divulgación científica cuxo fin é que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.

O alcalde da localidade, Juan A. González, a coordinadora de proxectos da área de Cultura Científica do CSIC, Carmen Guerrero, e director da área de Negocio de CaixaBank en Pontevedra Sur, Igor de las Heras, presentaron este martes, 12 de setembro, o proxecto aos habitantes do municipio.

Ciudad Ciencia pon a disposición das cidades adheridas a este programa actividades de divulgación científica en múltiples formatos (exposicións, conferencias, visitas a centros de investigación, etc.) que se incorporan á programación cultural de cada municipio, así como obradoiros online de participación cidadá creados por investigadores do CSIC. As actividades abarcan diferentes temáticas e propoñen, por exemplo, crear un horto onde aprender, a través do método científico, conceptos de agricultura sustentable. Outros obradoiros convidan a coñecer as propiedades do aceite de oliva, do chocolate, incluíndo unha cata, ou a descubrir como funciona o noso olfacto e a súa conexión co cerebro.

O alcalde destacou a oportunidade que supón para a localidade a súa participación en Ciudad Ciencia, xa que “a partir de agora os habitantes da nosa cidade poderán coñecer de primeira man o labor da comunidade científica a través dunha oferta de actividades para todos os públicos”. Nigrán é o segundo municipio de Galicia en adherirse a Ciudad Ciencia, xunto con Cangas do Morrazo, que forma parte da iniciativa desde 2013.

“Tratamos de xerar unha contorna de diálogo coa comunidade científica onde debater, informarse, participar e gozar aprendendo sobre ciencia e tecnoloxía a partir dos intereses e recursos existentes en cada localidade”, explicou Carmen Guerrero. Pola súa banda, Igor de las Heras, lembrou que “achegar a ciencia á sociedade é unha das prioridades da Obra Social “la Caixa” e a colaboración co CSIC permite reforzar os obxectivos de ambas as dúas institucións”.

O proxecto comeza cun espectáculo de monólogos científicos o día 29 de outubro, domingo. O grupo The Big Van, composto por investigadores e investigadoras en activo, responderán de forma divertida e sen perder rigor a preguntas como cal é a forma óptima para encher un volume? ou como funciona un acelerador de partículas? Esta actividade, pensada para aprender e facer rir, celebrarase ás 19:30 horas no Auditorio do Concello de Nigrán (Praza do Concello, s/n). A entrada é libre ata completar aforamento.

Ciudad Ciencia lanzouse en marzo de 2012 e actualmente conta con máis de 40 localidades participantes situadas en toda España. Ao longo do curso 2017-2018 a iniciativa seguirá crecendo coa incorporación de novas localidades.

Toda a información actualizada sobre a programación de Nigrán pódese consultar na web www.ciudadciencia.es.