O BNG insta á Xunta da Mancomunidade a reeditar o Festival Internacional de músicas tradicionais MiñorSóns. A tal fin, a organización nacionalista presenta unha moción para o seu debate no Pleno da Mancomunidade do Val Miñor que terá lugar este mércores, 6 de marzo, ás 13:30 horas na casa do concello de Baiona.
A primeira edición deste festival, organizado pola asociación cultural de música tradicional TradiSón, celebrouse en setembro de 2022. Daquela contou co patrocinio da Mancomunidade e coa participaron de 10 agrupacións de Galicia, Castela, Illas Baleares e Georgia, que ofreceron nove concertos, seis para todos os institutos do Val Miñor e tres grandes galas, en Baiona, Gondomar e Nigrán, dunha calidade indiscutible que foi así valorada polo conxunto dos centros de ensino e pola veciñanza asistente aos espectáculos.
Froito da calidade do evento e da grande acollida, establecérase o compromiso verbal de lle dar continuidade. Mais, cando xa estaba feito o cartel, pechado o programa e comprometido gasto, mesmo con pagos xa realizados para unha nova edición do evento previsto os días 21 a 26 de setembro de 2023, a organización veuse na obriga de suspender esa segunda edición do Festival Internacional MiñorSóns pola falta de acordo de última hora para o patrocinio por parte da Mancomunidade. Un incumprimento que impediu a celebración do festival no 2023, unha segunda entrega que prometía superar o elevado nivel da primeira.
Desde o BNG entenden que non hai xustificación para perder un festival que, ademais de ofrecer os concertos abertos en cada un dos concellos, abrangue xornadas de convivencia e intercambio cultural nos centros educativos do Val Miñor e realiza un labor de difusión didáctica de incalculable valor sociocultural. “Non promocionalo só se podería cualificar de enorme cegueira política ou de desprezo pola cultura, a comezar pola nosa propia”, apunta a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez.
Para o Bloque, o sucedido co Festival MiñorSóns no 2023 foi outra das evidencias da necesidade de aprobación dun novo orzamento da Mancomunidade, actualmente prorrogado desde 2018, que permitiría, entre outras cousas, incluír nas contas unha partida para patrocinar e retomar o Festival MiñorSóns co obxectivo de consolidalo como unha cita anual coa cultura e o folclore internacional no Val Miñor.
Nese sentido na moción a debater no Pleno da Mancomunidade o BNG propón a aprobación dun acordo para que a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor patrocine o Festival MiñorSóns para este ano 2024, ao tempo que insta á Xunta de Goberno a incluír nuns novos orzamentos a edición do Festival MiñorSóns como programación e atractivo cultural permanentes.

