O Plan Especial de As Costeiras está a suscitar un movemento social e veciñal como non se vivira en anos no Concello de Baiona e o Bloque Nacionalista Galego respondeu ás peticións de información convocando un encontro aberto no que expuxo os por ques da súa oposición a este planeamento deportivo, reforzando esta posición coa colaboración de Serxio Regueira, veciño da parroquia de Domaio en Moaña e Presidente da Plataforma en Defensa da Ría, que falou dos antecedentes e presente do campo de golf na súa parroquia.
Durante o acto distribuíronse un cento de modelos de alegación, demandando os veciños e veciñas máis copias, mesmo para distribuír entre coñecidos e familiares. A propia Comunidade de Augas e a Asociación de Veciños de Baredo van repartir casa por casa modelos durante o vindeiro domingo e ata a finalización do prazo de alegacións, o vindeiro día 14, habilitarase unha mesa de recollida de alegacións no propio centro cultural.
Así mesmo, varios colectivos e organizacións colaboran na organización dunha saída á zona afectada polo Plan Especial, co fin de coñecer os valores paisaxísticos, naturais e mesmo arqueolóxicos que se atopan alí. Mais si en algo existe preocupación entre os veciños e veciñas de Baredo é pola afección aos recursos hídricos, xa que as súas vivendas dependen das minas que rodean As Costeiras.
A pesares de que o día 14 remata o prazo de alegacións, foron moitos os presentes que demandaron continuar a organizar accións que visibilicen as taras do proxecto deportivo e que se conciencie non só á parroquia de Baredo, senón tamén a todo o Concello de Baiona e alén do mesmo. Iago Pereira, Portavoz Municipal do BNG, precisamente relatou neste sentido o irreal do estudo económico, que en caso de ser errado e ter que producirse un rescate por insolvencia da explotación, podería supoñer uns custes de máis de 15 millóns de euros ás arcas municipais. Engadido a isto, a expropiación forzosa dos terreos, na actualidade en mans comunais, supoñería unha inversión de como mínimo 2 millóns de euros, a cambio dun canon anual de 30.000 €.
Si algunha conclusión pode extraerse do encontro aberto organizado polo BNG foi que os veciños e veciñas de Baredo asisten con preocupación á implantación dun proxecto que non foi consultado en ningún momento con eles e que non van aceptar pola vía da imposición.