UCN insta o alcalde a acordar coa oposición o destino do Remanente de Tesourería

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, insta o alcalde Juan González, a acordar o destino do Remante de Tesourería do ano 2016, por importe de preto de 5 millóns de euros, como paso previo á aprobación polo Pleno da Corporación do correspondente expediente, e que sexa froito da participación e o consenso de todos os grupos políticos.

UCN lamenta doutra banda o atraso e demora na aprobación da liquidación do exercicio 2016, xa que foi aprobada por resolución de alcaldía do pasado 11 de agosto, acumulando lamentablemente un considerable atraso, en relación co disposto no art. 191.3 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, no que establece ”que as Entidades Locais deberán confeccionar a liquidación do seu orzamento antes do 1 de marzo”, e remitilo á Xunta e Ministerio de Facenda, antes do 31 do mesmo mes (art.193.5), do citado texto legal, ambos os dous prazos incumpridos amplamente.

Esta demora impedirá igualmente aprobar a Conta Xeral en prazo, xa que debería ser aprobada polo Pleno da Corporación antes do 1º de Outubro, previamente ditaminada pola Comisión de Facenda e coa preceptiva exposición pública.

“Moito nos tememos que non poida ser sometida á consideración do Pleno ata o mes de novembro, dado que a comisión informativa de Facenda está convocada para o próximo día 21 de setembro, cos prexuízos que puidese causar ao non poder remitirse en prazo ao Consello de Contas, co evidente risco da perda de subvencións por parte da Xunta”, lamenta Fernández Comesaña.

UCN lembra ao alcalde Juan González, que se está esquecendo dos compromisos adquiridos no pleno de investidura, onde se comprometeu a gobernar con participación, diálogo, transparencia e consenso, “pero lamentablemente nos últimos tempos parece esquecerse, sen darse conta que o seu goberno está en minoría e necesita do acordo e o diálogo co resto dos grupos municipais, para poder sacar adiante os asuntos de vital importancia para a mellora do benestar dos veciños de Nigrán”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios