Manifesto Miñor considera un “fracaso total” o reparto das axudas ao comercio local

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Terraza en Gondomar.

O pasado 1 de Abril o BOPP publicaba as bases das axudas en réxime de concorrencia non competitiva que tiñan como obxecto “contribuír ao mantemento dos negocios afectados pola pandemia, que representan unha parte esencial da economía, crecemento e desenvolvemento local”. “Así rezaba na propaganda oficial ,con grande alarde tipográfico e de titulares, fotos, etc. onde o Sr. Alcalde e goberno municipal do PSOE, vendían este feito pouco menos coma a panacea ou a salvación do comercio local”, comenta Antonio Araújo.

Dicíase no anuncio que os interesados podían presentar as solicitudes a partir do día 2 de abril e por un período de 30 días naturais a través do Rexistro Xeral do Concello, e que poderían acceder ás axudas as empresas do sector da hostalaría que pechase ou vise truncada a súa actividade temporalmente; os taxistas con licenza municipal e domicilio fiscal do vehículo no municipio e aquelas pequenas empresas (menos de 20 empregados) e autónomos cuxa actividade tamén se vise truncada pola pandemia.

En total serían 100.000 € procedentes da modificación orzamentaria en modalidade de crédito extraordinario financiado con Remanente de Tesourería. A súa concesión será en forma de axudas directas: 1.000 € a restaurantes e salóns de banquetes de ata 250 m2 e de 1.200 € no caso de que a superficie sexa superior. Cafeterías e bares, que cumpran os criterios recollidos nas bases, subvencionaranse con 1.000 €, cantidade que será de 100 € no caso dos taxistas e de 300 para os autónomos ou empresas pertencentes ao comercio menor.

“Lamentablemente o que dende Manifesto Miñor se lle advertiu ao Sr. Alcalde que esa vía non servía para axudar a ninguén por escasa, e que ademais non era operativa para a maioría dos posibles negocios receptores da mesma, vén de confirmarse agora como un rotundo fracaso á vista dos pobrísimos resultados de semellante experimento. Coma se dunha broma de mal gusto se tratara, a publicación no BOPP foi o 1 de Abril, todo o mundo sabía da inutilidade de semellante proposta menos o Sr. Alcalde que sempre se empeña en facer valer a súa desprezando as propostas ou opinión dos demais como foi o caso de Manifesto Miñor feita a través dunha moción rexeitada polo de goberno do PSOE. Algo tan sinxelo como xuntarse cos comerciantes e negocios da Vila e escoitalos, sería suficiente para obter mellores resultados. O asunto é moito máis grave se temos en conta que Gondomar ten unha concelleira de Comercio con dedicación exclusiva que lle custa ao erario público máis de 2.000€/mes, que no canto de defender ao comercio local apláudelle as ocorrencias ao Sr. Alcalde mentres os comercios da Vila de Gondomar van esmorecendo ou pechando un tras outro”, lamenta Araújo.

“O resultado de tan “brillante xestión” como se pode ver na acta provisional do devandito reparto exposta ao público na Web Oficial do Concello de Gondomar, onde se pode comprobar que dos 100.000 € a repartir so van ser entregados aos negocios da Vila 11.600 €, pouco máis dun 10%. Velaí a xestión dun goberno municipal, que con pandemia ou sen pandemia, nos custa aos contribuíntes máis de 300.000€/ano. Dende Manifesto Miñor, unha vez máis demandamos do Sr. Ferreira e do seu Goberno que aparquen a soberbia e atendan as propostas que dende os demais grupos da Corporación lle facemos e, sobre todo que escoite ás persoas que padecen directamente a recesión e os problemas nos seus negocios”, conclúe Araújo.

20210527_Acta proivisional