A Xunta compromete un investimento de 40.000 € para a nova biblioteca de Baiona

FOTO: XUNTA DE GALICIA // O conselleiro de Cultura na súa visita a Baiona.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprometeu esta mañá un investimento próximo aos 40.000 euros para dotar de equipamento á nova biblioteca municipal de Baiona. Tal e como avanzou o conselleiro con motivo da súa visita ao municipio, este compromiso plasmarase nun convenio de colaboración co concello, que se prevé asinar neste mesmo mes.

O titular do departamento de Cultura do Goberno galego avanzou este apoio á nova biblioteca durante a reunión que mantivo co alcalde, Ángel Manuel Rodal, e na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e mais a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Durante a xuntanza abordáronse outros temas de interese para o concello relacionados co ámbito cultural e patrimonial. Neste sentido, o conselleiro tamén manifestou a intención do seu departamento de abordar a restauración da igrexa de Santa María de Baiona.

En canto ao ámbito educativo, cómpre lembrar que a Consellería vén de realizar un forte investimento no CEIP de Fontes-Baíña, onde nos dous últimos anos (2016 e 2017) se investiron máis de 170.000 euros.

Anuncios