4.000 persoas maiores da provincia solicitan participar en “DepoTermal”

A Deputación de Pontevedra vén de publicar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no programa “DepoTermal”, o programa de termalismo e turismo de saúde que desenvolverá a institución provincial a partir do mes de setembro para maiores de 50 anos e que inclúe 434 prazas gratuítas para persoas en situación ou en risco de exclusión social e sen recursos económicos.

Un total de 3.999 persoas de 57 dos 61 concellos da provincia de Pontevedra (todos agás Dozón, Mondariz-Balneario, As Neves e Rodeiro) solicitaron a súa participación en “DepoTermal”. As vilas desde as que máis solicitudes se presentaron foron as de Vigo (con preto de 1300), Pontevedra (máis de 400), Redondela (máis de 160), Cangas (máis de 140 persoas) e Marín (outras 135 solicitudes). Unha vez rematado o período de reclamacións, a institución provincial procederá a publicar as listaxes de persoas admitidas e excluídas definitivas durante a última semana de agosto. A partir de entón establecerase o calendario de quendas, con comezo en setembro.

Ademais, a “DepoTermal” adheríronse 48 dos 61 concellos da provincia de Pontevedra (Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilanova e Vilagarcía de Arousa). Malia que no programa poden participar persoas de todos os concellos da provincia, as persoas dos concellos adheridos tiveron como vantaxe, por primeira vez este ano, a posibilidade de achegarse ata as dependencias municipais para que o seu persoal técnico as axudase a cubrir e presentar os formularios de pre-inscrición.

Para poder participar, sempre que estivesen empadroadas nalgún concello da provincia de Pontevedra, as persoas tiñan que ser maiores de 50 anos (ter nacido antes do 1 de xaneiro de 1967) e, no caso de ter nacido con posterioridade, ter a condición de pensionista, un grao de diversidade funcional igual ou superior ao 65% ou, ademais, precisar dun respiro familiar (coa acreditación conveniente).

A Deputación de Pontevedra destinou este ano 102.000 euros a “DepoTermal” para que máis de 4000 persoas da provincia poidan participar, sendo 434 delas prazas gratuítas, unha novidade que se introduciu a partir da convocatoria de 2016 para persoas en situación ou risco de exclusión social e sen recursos económicos. Estas persoas, ademais, teñen preferencia sobre as demais á hora de establecer o reparto das prazas. O programa de asistencia diúrna (durante cinco días consecutivos, de luns a venres) conta con 1.248 prazas, 248 delas gratuítas e o resto subvencionadas. O programa de réxime completo inclúe 3.186 prazas, 186 delas gratuítas. Esta, ademais da asistencia aos establecementos durante seis días e cinco noites, inclúe un programa de actividades de animación sociocultural.

“DepoTermal” desenvolverase a partir de setembro en 12 establecementos: Hotel Spa Nuevo Astur (Vilalonga, Sanxenxo), Hotel Spa Via Argentum (Silleda), Hotel Spa Carlos I Silgar (Sanxenxo), Hotel Benestar Spa Moaña, Balneario de Mondariz, Talaso Hotel Oia Baiona, Balneario Hotel Eurostars Illa da Toxa, Balneario de Cuntis, Hotel Spa Norat (O Grove), Hotel Talaso Louxo A Toxa e o Gran Talaso de Sanxenxo. A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, visitará a próximas semana as instalacións para comprobar que todo estea a punto.

Con este programa de termalismo, a Deputación de Pontevedra fomenta o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas maiores ao facilitarlles a estas persoas que accedan ao turismo de saúde, xa que doutro xeito non poderían beneficiarse da súa dobre función de vacación e de tratamento sanitario. Ademais, “DepoTermal” pretende ser un plan dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.