Anuncios
Ticker de novas

ADEGA cualifica o proxecto do campo de golf de Baredo de “demencial e delirante”

FOTO: SOS GROBA // Os veciños de Baredo mostran o seu rexeitamento ao campo de golf.

O concello de Baiona promove a construción dun “complexo deportivo” con campo de golf incluído, nunha superficie de case 70 hectáreas en plena Serra da Groba. Esta infraestrutura, que tería un custo de máis de 14 millóns de € (para un concello cuxo orzamento anual é de 8,5M€), demandará tanta auga como toda a consumida pola veciñanza do concello.

Os campos de golf: reliquias da era do pelotazo

Para ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), chama a atención que aínda haxa concellos que apostan por estes “proxectos milagre” para reactivar a economía municipal. Como se estiveramos na costa mediterránea durante os anos da burbulla inmobiliaria, a intervención xustifícase para “desestacionalizar o turismo”, sen reparar en que este modelo de complexo “todo incluído” está en franca recesión. Exemplos próximos temos os casos do Club Náutico de Vigo, en concurso de acredores; o Aeroclube de Vigo, con importantes débedas ou na mesma Baiona o Club de Tenis Monte Real, que crebou en 2009. Por outra banda, o número de golfistas federados segue decrecendo, polo que o principal soporte económico do negocio redúcese cada día.

ADEGA recorda que moitos dos campos de golf que xurdiron por toda a costa durante o “boom” do ladrillo non teñen sentido sen un desenvolvemento urbanístico paralelo en forma de novos espazos residenciais (caso dos errados Costa Anácara en Miño, e os proxectos de Camariñas, Porto do Son, Nigrán, Ogrobe, etc.). “O campo de golf funciona como unha escusa e un engado para especular cos prezos das vivendas, manobra trala que non poucas veces agóchase a corrupción. Cabe preguntarse senón vai acontecer o mesmo con este proxecto en Baiona e canto vai tardar en agromar un desenvolvemento urbanístico na zona”.

Unha proposta insustentable e contaminante

Á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza chámalle a atención que o proxecto fale de “compatibilizar o deporte cos valores naturais” minimizando os graves impactos ambientais que xeran estas instalacións. “Comezando polo consumo de auga, que para un campo de 18 buracos abeira os 500.000 m3/ano. Esta cantidade equivale ao consumido por unha poboación de 10.000 habitantes e multiplica por 5 o máximo permitido polo vixente Plano Hidrolóxico para o uso recreativo por rega desa superficie. Tal demanda de auga nun contexto de seca hidrolóxica, cuxa frecuencia e intensidade non fará máis que aumentar, fai que este proxecto non poida cualificarse máis que de demencial e delirante”.

E alén do consumo de auga, ADEGA recorda que tamén hai que considerar o uso intensivo de agrotóxicos, que rematarán introducíndose na cadea alimentaria tanto das áreas augas abaixo do campo como na mesma costa. “Un campo destas características consome unhas 49 toneladas por ano de fertilizantes ademais de toneladas de herbicidas, funxicidas, nematicidas, aracnicidas ou mesmo rodenticidas. A súa toxicidade é variable, mais cando falamos de grandes superficies con numerosos mananciais e regatos, acontece que todo este “arsenal” químico ameaza moi seriamente a potabilidade deste recurso vital. A cuestión agrávase coa proximidade á costa, especialmente cun litoral de inmensa riqueza pesqueira e marisqueira”.

En definitiva, para ADEGA trátase doutro exemplo de proxecto agresivo e insustentable no que os recursos públicos, auga, solo, paisaxe e patrimonio enaxénanse e degrádanse para favorecer o negocio privado. “O concello de Baiona faría mellor en ocuparse de atender ás necesidades da súa veciñanza que en embarcarse neste tipo de aventuras especulativas, baseadas en modelos caducos máis propios do desenvolvemento franquista”.

Anuncios