O Val Miñor Fest supera as mellores expectativas reunindo a preto de 7.000 persoas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Val Miñor Fest.

O Val Miñor Fest, primeiro festival de toda a comarca dedicado á degustación de cervexas artesás, superou as súas mellores expectativas na súa primeira edición ao reunir a preto de 7.000 persoas no paseo de A Foz de Nigrán (A Ramallosa) do 17 ao 20 de agosto. Un total de 13 marcas de cervexa artesá de toda Galicia (unidas a unha de Madrid e outra do Bierzo) despacharon máis de 2.500 litros durante estes catro días, esgotando varias delas o produto o domingo. En total, os cervexeiros venderon 2.000 vasos reutilizables (mercando un vaso as seguintes consumicións se realizaban neste mesmo recipiente).

Así, dende o Concello de Nigrán e a organización do festival faise o mellor dos balances do evento. «A mestura de cervexa, food-trucks e música en directo de grupos locais nun espazo moi atractivo resultou unha vez máis excelente. É un festival que queremos que forme parte xa da axenda de verán de cada ano en Nigrán como o Solpor; funcionou marabillosamente e así nolo transmitiron os asistentes», resume o alcalde, Juan González, mentres que Esteban Loureiro, da firma Áncora, engade que están traballando para o ano que vén «ofrecer máis e aínda mellor».

O Concello de Nigrán estreou este ano o Val Miñor Fest e tamén Solpor en Monteferro, dous eventos que o goberno local xa avanza que se repetirán. Ademais, este fin de semana será a cita do Vive Nigrán! no campo de Lourido, último festival do circuíto Rías Baixas Fest. «Dende o goberno local apostamos por concertos ao aire libre en lugares de indubidable encanto e dirixidos a públicos de todas as idades, o que xera un ambiente familiar moi agradable», sinala González.

Segundo o resultado das votacións do público asistente, a cervexa favorita foi Belecker, a mellor etiqueta tamén Belecker e o mellor food-truck o de Bendita Cocina.

As marcas que estiveron presentes foron Faxilda, Bubela, Santo Cristo, A cova da serpe, Trisk-Ale, Vacaloura, Belecker, Nos, Áncora, Nasa, Palecat, Saramagal e Kel’s.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios