O PP de Nigrán critica a “lenta e oscurantista” xestión do PXOM

O Partido Popular de Nigrán, a través do seu Grupo Municipal, denuncia a pasividade e falta de información na tramitación do PXOM.

“A que fora promesa do PSOE de Nigrán en campaña electoral dunha tramitación transparente e con présa do PXOM, quedouse como practicamente todas as súas ofertas electorais, en meras promesas sen cumprir”, aseguran nun comunicado os populares.

Pasaron xa dous anos desde a toma de posesión do actual Equipo de Goberno e a pesar de que desde todos os grupos da oposición pedíronselle reunións dos portavoces co equipo redactor do PXOM e os técnicos municipais, estas non se convocaron.

O fin destas era coñecer os avances no desenvolvemento do PXOM, as trabas técnicas que deben irse liquidando, a decisión política entre diferentes alternativas técnicas prantexables, e o establecemento e reaxuste do cronograma temporal preciso ata a aprobación definitiva do PXOM.

“Desgraciadamente todas as informacións son parciais, incompletas e incorrectas e chegan aos Grupos Políticos municipais por moi diferentes vías, como sucedeu coas dúas modificacións singulares en trámite das Normas municipais actualmente vixentes, das cales os grupos municipais decatáronse revisando o libro de decretos de Alcaldía ou por intervencións da oposición en sesión plenaria”, sinalan desde o PP.

Segundo indican os populares, estas non son moi tranquilizadoras, pois falan de que o que resta de tramitación será lenta, abigarrada e con varios trámites administrativos complexos que liquidar. “Ademais o Equipo de Goberno non debe esquecer que a aprobación provisional do PXOM debe facerse no pleno por maioría absoluta e non simple, co cal se necesita obrigatoriamente da achega do resto dos grupos municipais, cos cales non contou, polo menos nos dous primeiros anos de mandato”.

“Non valen xa máis escusas e desde o Grupo Municipal do Partido Popular de Nigrán, esiximos ao actual equipo de Goberno póñase a traballar, coa colaboración e opinión do resto dos Grupos Políticos municipais, para que o PXOM de Nigrán, ferramenta xurídica imprescindible para o Urbanismo de Nigrán e tamén motor económico transcendental para o municipio, poida ver a luz no actual mandato municipal”, conclúe o comunicado.

Anuncios