A Policía Local de Baiona, ao límite da súa capacidade por escaseza de persoal

O Delegado de Persoal do Concello de Baiona, Joaquín Goce Ratel, denuncia nun comunicado que a escaseza de persoal cualificado dentro do servizo da Policía Local de Baiona está a levar ao límite ao persoal actual.

“A cantidade de servizos extraordinarios debido ao aumento dos actos culturais que requiren da actuación policial, o lecer nocturno, totalmente fóra de control actualmente, o incremento poboacional e as características da vila desbordan a un colectivo que unicamente se ve reforzado por auxiliares que carecen de principio de autoridade e cuxa función se ve limitada á regulación do tráfico e apoio aos profesionais que se atopen de servizo”, asegura.

Sinala ademais que a falta de planificación por parte dos mandos policiais e políticos que vén percibindo desde hai dous anos, nos que se prevía tales circunstancias e acordábase en meses anteriores a cobertura dos servizos extraordinarios para a época estival, levou a situacións insustentables para este corpo. “O nomeamento de servizos extraordinarios de forma indiscriminada, os cambios de quenda arbitrarios polos mandos policiais e admitidos polos mandos políticos, a falta de calquera orde lóxica no cuadrante de servizos da policía levou aos axentes deste corpo a presentar queixas de forma reiterada ante os superiores xerárquicos, as cales caeron en saco roto”.

A modo de exemplo, o Delegado de Persoal explica que no mes de xullo foron cubertos varios servizos cun só axente, incluídas quendas nocturnas, ou no seu caso auxiliares cun axente en prácticas en moitas ocasións, ou casos como o nomeamento de tres quendas seguidas a policías, “o que leva un desgaste extremo dos membros deste corpo, o que se alongou a este mes de agosto”.

Finalmente, asegura que se tratou de dar unha solución pactada, consensuada e lóxica á devandita situación, “obtendo a calada por resposta por parte dos responsables deste corpo”. Conclúe insistindo en que esta falta de responsabilidade agrávase á hora de entender que pouco importa a seguridade dos cidadáns deste municipio, “máis visto que durante a época invernal e cando xa non existen necesidades estivais, o número medio de axentes por servizo é dun só efectivo, en contra de todo criterio policial e de seguridade, importando pouco a seguridade do día a día da poboación baionesa”.

Anuncios