A regueifa na V Semana Cultural de Peitieiros

O xoves 17 de agosto, dentro da V Semana Cultural, o CCV de Peitieiros realizará unha actividade centrada na regueifa. Será ás 22:00 no adro de Peitieiros, e correrá a cargo de Luís Caruncho e Bieito Lobariñas, dous expertos regueifeiros que ao tempo que fan unha demostración da súa arte, tamén explicarán como achegarse a ela.

A regueifa é un cantar improvisado en que se empregan cuartetas (versos octosílabos que riman nos pares). Poderiamos dicir que é unha confrontación en que a ironía e o humor son os recursos predominantes. Este debate entre as persoas participantes está na orixe da regueifa, inicialmente o nome dun molete de pan co que se agasallaba aos convidados ás vodas. Daquela, “Cantar a regueifa” era comezar un reto en que propios e foráneos rivalizaban dialecticamente.

Luís Caruncho e Bieito Lobariñas son dous recoñecidos músicos: gaiteiros, percusionistas, zanfonistas, compositores… o seu compromiso coa música de noso, na nosa lingua, é a súa mellor carta de presentación. Na súa traxectoria destaca o traballo en prol da recuperación da regueifa, até o punto de se converteren en dous recoñecidos regueifeiros amplamente solicitados.

Para a introdución do acto contarase tamén coa presenza de Carlos Alonso, presidente da asociación ORAL que vén desenvolvendo un labor esencial na conservación da regueifa.

Esta actividade está patrocinada pola Deputación de Pontevedra a través do programa “Ano do patrimonio”.