Anuncios
Ticker de novas

Diego Pacheco presenta o seu espectáculo “Mesteño” en Baiona

O guitarrista e compositor Diego Pacheco presenta este domingo 13 de agosto en Baiona o seu último espectáculo, ás 23:00 horas na Praza do Concello, incluído no programa cultural e de lecer Baiverán 2017 organizado pola Concellería de Cultura.

“Mesteño”, que dá nome ao seu último traballo en estudo, presenta un variado percorrido musical baseado principalmente no flamenco, fusionado con estilos musicais como a bossa nova, jazz, blues, pop, funk e mesmo co máis puro son western. Este espectáculo instrumental inspirado no cabalo mesteño (cabalo cruzado de varias razas) componse de seis músicos cunha dilatada experiencia e recoñecemento no panorama nacional.

O disco, gravado nos estudos “Casa de Tolos” de Mañufe (Gondomar) por Segundo Grandío, contou coa colaboración de dous grandes da música, Antonio Serrano e Jerry González.

Diego Pacheco compartiu escenario con artistas da talla de James Brown, Hook Herrera, Heiko Schwanemann e un longo etcétera. Á súa vez, gravou como músico de estudo en máis de sesenta discos para outros artistas nacionais, e realizado arranxos e composicións para teatro, televisión, anuncios, etc. Como músico, ten un gran dominio en guitarra flamenca, guitarra eléctrica, dobro, slide, guitarra de jazz e guitarra acústica.

No directo está acompañado por Suso Feixón (batería, caixón flamenco, yembe, udu e percusión menor), Álex Touceda (baixo), Dani Font (guitarra jazz, guitarra eléctrica e acústica), Xiñor Tonichi (guitarra flamenca, palmas, percusión e baile) e Javi “GDJazz” (trompeta).

Anuncios