Anuncios
Ticker de novas

Un paseo polo pasado e presente da música coa gaita como fío condutor en Baiona

Este sábado 12 de agosto chega a Baiona MITIC o espectáculo, un proxecto parte orquestra clásica, parte banda de rock, cun instrumento solista, a gaita, como fío condutor. O concerto, incluído na programación cultural e de lecer Baiverán 2017 organizada pola Concellería de Cultura, comezará ás 23:00 horas na Praza do Concello.

MITIC é un novo proxecto de expansión do instrumento máis emblemático da nosa terra, a gaita, a través dun espectáculo musical único, orixinal e pioneiro, dirixido e producido polos recoñecidos músicos vigueses Álvaro e Suso Costas que será capaz de sorprender e emocionar a todos os públicos, especialmente a todos os que non son afeccionados nin á gaita, nin á música celta ou de raíz.

O primeiro espectáculo musical encabezado por unha gaita, onde este instrumento rompe a etiqueta de “tradicional” para converterse no violín de Candilejas, na guitarra de Brian May ou na voz de Frank Sinatra co seu inesquecible My way.

Un paseo de 90 minutos polo pasado e o presente. Evocando os anos 30, mentres nos fan bailar un tango ao son de El día que me quieras ou emocionarnos lembrando a Escarlata O´Hara co Tema de Tara. Os anos 60 lévannos á xanela de Audrey Hepburn e o seu inesquecible Moon River e á chegada do Pop da man dos Beatles.

Un show para todos os públicos, onde non quedarán indiferentes os máis rockeiros ao escoitar os primeiros acordes ochenteros de The Final Countdown e vibrar ao son dos Guns N’ Roses. Tampouco aqueles nenos que voaron con E.T na súa bicicleta ou viviron aventuras nunha Galaxia moi afastada…

Unha maneira particular e diferente de homenaxear ás máis grandes lendas da música, como son Ennio Morricone ou Freddy Mercury.

Todo isto faise realidade, grazas a unha coidada instrumentación e a un elenco de trece reputados artistas minuciosamente seleccionado. Todos eles con gran recoñecemento e experiencia.

Anuncios