Anuncios
Ticker de novas

Gondomar contrata o servizo de control de pragas e de prevención da Lexionela

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar vén de contratar o servizo de control de pragas e de prevención da Lexionela.

Segundo diversos estudos da ONU, no ano 2050 arredor do 70% da poboación mundial vivirá en áreas urbanas fronte ao 54% que o fai actualmente. Son moitos os motivos que levan ás persoas a decidírense por un espazo urbano para vivir. Entre outras razóns poden estar as mellores prestacións sociais, máis oportunidades á hora de encontrar un medio de vida ou, simplemente maior liberdade individual.

“Por sorte, no caso de Gondomar vivir no rural aínda é sinónimo de calidade de vida, algo que temos que preservar e mellorar para que o siga sendo por moito tempo”, afirma Antonio Araújo, concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente. “Con todo, nos últimos anos a Vila de Gondomar medrou considerablemente e, á nosa escala, esta circunstancia trouxo consigo algúns problemas derivados dese aumento de poboación e de urbanización, ademais dunha climatoloxía favorable, que deron lugar á aparición de pragas de ratas e cascudas nas rúas, nas urbanizacións, nos bloques de edificios… Situacións que en poboacións máis reducidas ou atrasadas pasarían desapercibidas, nunha sociedade moderna coma a nosa feitos deste tipo provocan unha certa alarma cidadá que dende o Concello temos a obriga de resolver por unha cuestión obvia de saúde pública, mais tamén de imaxe”.

Esta situación permanente, con rebrotes de maior intensidade nas estacións de bo tempo, víñanse combatendo ata agora con actuacións puntuais de eficacia reducida e elevados custes. Isto vai cambiar definitivamente dende este 1º de agosto, despois de que por parte do Concello de Gondomar fose adxudicado a través dun contrato administrativo para a prestación dun servizo á empresa con sede en Mos, “KINDLING, Control de Plagas” .

A duración do contrato é dun ano por importe de 17.950 €, e ademais do control de pragas e desinsectación de todas as rúas da Vila de Gondomar, edificios públicos, dos Colexios do Municipio, incluído o Rural Agrupado e da Praza de Abastos, inclúe tamén o control e prevención da Lexionela en todos os pavillóns, centros deportivos e colexios públicos propiedade ou de competencia municipal onde existen tanques de auga quente.

“Con esta contratación, dende a Concellería de Medio Ambiente, estamos convencidos que imos mellorar aínda máis a salubridade da nosa Vila e dos nosos centros públicos: de ensino, deportivos, Praza de Abastos, etc., gañando en calidade de vida, en imaxe e aforrando cartos públicos dos cidadáns, ademais de lle dar cumprimento aos preceptos legais que actualmente obrigan á prevención da Lexionela”, conclúe Araújo.

Anuncios