Anuncios
Ticker de novas

O Concello de Baiona explicará a veciños e comuneiros o proxecto da área deportiva de Baredo

O equipo redactor do Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas das Costeiras responderá este venres ás 19:00 horas no Centro Cultural de Baredo a todas as dúbidas de comuneiros e veciños de Baiona sobre o proxecto para desenvolver na parroquia a maior área deportiva da provincia de Pontevedra e unha das máis importantes de Galicia.

O documento, aprobado polo equipo de goberno de Baiona o pasado mes de xuño, atópase actualmente en fase de alegacións e esta exposto tanto no hall da Casa do Concello como na páxina web municipal. Todos os veciños de Baiona están convocados este venres no Centro Cultural de Baredo para a presentación pública do Plan Especial.

O alcalde, Ángel Rodal, e a concelleira de Urbanismo, Ana Simóns, acompañarán aos redactores do proxecto, pertencentes a UTE de empresas González Souto y Luque, Aseguinolaza y Asociados.

O ámbito ao que afecta o documento comprende un total de 675.000 metros cadrados, o que suporía a creación dunha das principais áreas deportivas de Galicia. Entre as dotacións que se inclúen no plan estarían un centro e escola hípica que acollería os curros, un campo de golf, actividades deportivas aéreas, un centro social, piscina, ximnasio, pistas de tenis, pádel… “Trátase dun documento de desenvolvemento urbanístico, non construtivo, co que traballar no futuro”, explica a concelleira Ana Simóns.

A empresa redactora fixa como unha das prioridades a creación dun sistema de bolsas de captación de auga da chuvia e o seu almacenamento para abastecer o complexo deportivo, de forma que garante, tal e como solicitaba o Concello, a protección de todos os recursos hídricos da zona. A protección paisaxística tamén está recollida cun informe medioambiental moi exhaustivo para asegurar o máximo respecto.

Tras a aprobación inicial en Xunta de Goberno, o Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas das Costeiras será sometido durante dous meses a exposición pública para recibir alegacións e solicitar informes sectoriais. Posteriormente, a Xunta de Goberno deberá dar a súa aprobación provisional e será o Pleno Municipal o que votará a aprobación definitiva.

Anuncios