Charla en Nigrán para informar das axudas da Xunta aos afectados polo lume

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes e Asociación de Veciños de Chandebrito organizan mañá martes 7 de novembro ás 19:30 horas no colexio Estudio de Chandebrito unha charla informativa sobre as axudas da Xunta aos afectados polo lume que veñen recollidas no DOG do 30 de outubro de 2017. Na mesma intervirá o rexedor, Juan González; o edil de Medio Ambiente, Diego García; o representante da Comunidade de Montes de Chandebrito e da Asociación de Veciños, Víctor Vidal; e o avogado da Comunidade de Montes, Calixto Escariz. O obxectivo é explicar as axudas polo miúdo e resolver todas as dúbidas ao respecto.

Dende o Concello de Nigrán se organizarán máis charlas conforme se publiquen as axudas do goberno central posteriormente a ser declarada como “zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil”.

Segundo as últimas cifras aportadas dende as comunidades de montes, en Chandebrito só sobreviviron aos incendios do día 15 de outubro 2 hectáreas do total de 232 que hai de monte comunal, mentres que na parroquia veciña de Camos sobreviviron 20 dun total de 370 hectáreas comunais. “As cifras dan información clara da magnitude do desastre para Nigrán”, apunta González, quen indica que os técnicos do Concello de Urbanismo e Desenvolvemento local son os encargados de asesorar aos veciños na tramitación das axudas para afectados que ven de aprobar a Xunta de Galicia.

Anuncios