Anuncios
Ticker de novas

Nigrán abre o prazo de inscrición para participar no “Flota como Poidas”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Nigrán asume por segundo ano consecutivo a organización da xa tradicional concentración de “artefactos flotantes” chamada “Flota como Poidas”, que terá lugar o domingo 13 de agosto ás 18:30 horas na ponte de Ramallosa, no Río Miñor. Os interesados teñen ata o día 11 para inscribirse, ben na oficina de información cidadá do Concello de Nigrán en horario de 9:00 a 14:00 horas ou enchendo o formulario que se facilita na web e enviándoo a info@nigran.org. A recollida de dorsais será no punto de saída o mesmo día de 17:00 a 18:00 horas. É obrigatorio o uso de chaleco salvavidas, correndo a cargo de cada participante.

O evento consta dunha baixada de artefactos flotantes polo río Miñor con saída e chegada ao mesmo punto, nun percorrido circular. Non hai ningunha limitación para a imaxinación na construción dos mesmos, só que flote e poida navegar propulsado a remo ou a vela. O Concello premiará o artefacto flotante máis traballado e o máis cutre, a tripulación máis simpática, a familia máis intrépida e participativa, o tripulante máis vello e máis novo e ao “Titanic” da edición.

O “Flota como Poidas” coincidirá como cada ano coa feira de oportunidades “Portobelo” de Ovalmi e haberá tamén unha actuación de Cultura no Camiño (Asacocirco Show ás 17:30 horas na Alameda de San Campio).

O obxectivo primordial é achegar aos veciños e visitantes ao mar, promovendo actividades que fomenten a afección pola cultura marítima e que os máis pequenos tomen conciencia da nosa cultura marítima ao tempo que se divirten.

Anuncios