Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil investiga ao propietario de Stone por un delito de maltrato animal

FOTO: GARDA CIVIL // Stone acompañado dunha representante da protectora de animais e un garda civil.

A Garda Civil investiga a un veciño de Baiona por un presunto delito de maltrato animal, como suposto autor das graves lesións que sufría un can que aparecera semienterrado, o pasado día 21 en Chan da Lagoa.

A Garda Civil tivo coñecemento dos feitos por mor dunha denuncia presentada o 21 de xullo pola protectora de animais “BAI SEN PULGAS”, informando de que localizaran un can moribundo na zona de Chan da Lagoa.

Cando localizaron o animal, que se atopou grazas ao aviso e información dun viandante que paseaba coa súa mascota pola zona, o can estaba semienterrado con pedras e presentaba feridas producidas por varios golpes na cabeza, que foron diagnosticadas de moi graves nunha clínica veterinaria de Baiona, onde o están asistindo.

Por mor da información achegada pola protectora de animais e as indagacións levadas a cabo por efectivos do Posto da Garda Civil de Baiona-Nigrán, onte foi localizado e identificado o propietario do can como suposto autor dos malos tratos, non sen antes constatar que esta persoa solicitara información sobre a eutanasia do seu can, alegando que mordera a varios familiares.

En consecuencia, a Garda Civil notificoulle ao propietario do can a súa condición de investigado como suposto autor dun delito de maltrato animal, do que coñece o Xulgado de Instrución de garda de Vigo.

Ao mesmo tempo, formulóuselle unha denuncia administrativa ante as autoridades competentes da Xunta de Galicia por non ter o animal o prevido chip de identificación.

Nesta ocasión, cabe destacar o extraordinario labor realizado pola protectora de animais ao poñer os feitos en coñecemento da Garda Civil e polo auxilio que lle prestaron ao can, de nome “Stone”, que afortunadamente xa se está recuperando das súas feridas.

Anuncios