Sin categoría

Bai.senpulgas segue necesitando axuda para afrontar os seus gastos

A protectora de animais Bai.senpulgas volve pedir axuda para poder afrontar o pago de facturas. Segundo indican desde o colectivo, nestes momentos teñen 4.000€ de débeda en veterinarios e menos de 1.000€ na conta bancaria. Así mesmo advirten que de non conseguir o diñeiro terán que facer un parón nas vacinas, chips ou esterilizacións, paralizándose ademais as adopcións.

“Por cada can ou gato que rescatamos da rúa cústanos un mínimo de 50€ alimentalo, desparasitarlo, chipealo e vacinalo… se son maiores de 6 meses se esterilizan, ese gasto ascende a máis de 150€ mínimo no gasto dun só animal”, sinalan desde Bai.senpulgas. Agora mesmo teñen sobre 50 cans e 50 gatos e aínda que se centran só nos concellos nos que teñen convenio indican que “non podemos deixar de axudar a animais doutras zonas, todo iso supón un gran gasto”.

No que vai de ano, ata o 27 de agosto, pagaron 48.678,83€ en gastos, que puideron afrontar grazas a doazóns, xa que dos convenios só reciben 4.800€. Entraron na protectora 163 animais (77 cans e 86 gatos), foron adoptados 80 (49 cans e 31 gatos), devoltos ao CES 11 gatos e ao propietario 20 cans, 22 faleceron (5 cans e 17 gatos), esterilizaron 31 cans e 23 gatos (o que suma un total de 54) e chipearon 90 (53 cans e 37 gatos), ademais de 210 vacinas, máis de 700 desparasitacións, máis de 100 probas de diagnóstico (test, placas, electros, tacs…) e 14 operacións.

Todo aquel que desexe axudar pode facelo a través da conta bancaria, ES30 2080 5015 6130 4002 8917 Abanca, Teaming, PayPal ou contactando no teléfono 645 181 585.