Anuncios
Ticker de novas

Máis de 2.000 persoas gozaron do mellor jazz no esteiro da Foz

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Actuación de Kevin Hays Trío.

Máis de 2.000 persoas acudiron á undécima edición do Nigranjazz no esteiro da Foz (A Ramallosa). Pese á choiva intermitente das dúas xornadas o público mantívose fiel e non houbo que suspender ningún dos concertos previstos nin as jam sessions posteriores. Incluso se esgotaron as camisetas promocionais deste ano co cartel de Andrés Bonader.

O público desfrutou o venres do cuarteto liderado polo pianista estadounidense Michael Kannan e o vibrafonista español Jorge Rossy, que foron precedidos do tamén cuarteto encabezado polo contrabaixista portugués Gonçalo Leonardo. Moitos se animaron a seguir a jam-session posterior que abriu Carlos Gil Trío e que se prolongou ata altas horas. Ademais, miles de persoas desfrutaron da comida gourmet na feira gastronómica itinerante “Rilla na Rúa”, que permanece ata o martes en todo o paseo de A Foz.

O festival continuou o sábado coa actuación estelar do pianista americano Kevin Hays no seu único concerto en Europa co seu trío. Previamente, dende ás 21.00 horas, o público do Nigranjazz tivo a oportunidade única de desfrutar do dúo formado para a ocasión polo pianista Abe Rábade e o guitarrista Virxilio da Silva, os dous músicos galegos máis relevantes no panorama nacional, que homenaxearon xuntos a histórica colaboración entre o pianista Bill Evans e o guitarrista Jim Hall.

“Rilla na Rúa” puxo tamén o seu punto de animación ao Nigranjazz ofrecendo a actuación de “The Alley Stompers” o sábado ás 19:30 horas no Auditorio de A Foz. Trátase dunha formación ao máis puro estilo das Brass Bands americanas que tocou en directo para bailaríns de swing. A formación representa unha viaxe atrás no tempo, recreando a atmósfera de New Orleans dos anos 20 ou 30, unha época en que o jazz se afirmou como música popular. O francés Wilfried Wilde ao banjo, Óscar Prieto á tuba e Chus Pazos á batería, forman unha sección rítmica de luxo, que acompaña ao saxofonista siciliano Rosolino Marinello e ao crooner e saxofonista Toño Otero que, coa súa voz tenor aterciopelada, transmite un auténtico son de época.

O Concello de Nigrán manterá o Nigranjazz como un festival de referencia e seguirá apostando forte por el dada a gran aceptación que ten.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios