
O Pavillón Municipal de Santa Isabel de Santiago de Compostela acolleu os Campionatos de España de Loitas Olímpicas na categoría sénior durante os días 1 e 2 de marzo de 2019. Galicia gañou dous dos tres campionatos postos en liza, o 48º Campionato de España sénior de Loita Libre Olímpica e o 22º Campionato de España de Loita Libre Feminina. No 80º Campionato de España sénior de Loita Grecorromana resultou a 8ª clasificada.
Galicia acadou 6 ouros, 1 prata e 6 bronces, para proclamarse campioa de España na suma total de todas as clasificacións. Poñendo en valor, o bo traballo dos clubs e técnicos galegos e galegas a nivel nacional. Unha das medallas de bronce conseguidas foi a do baionés Omar Rodríguez, en 74 kg Libre Olímpica. Nesta mesma modalidade, o outro deportista do Club de Loita Sabarís convocado, Anxo Uzal, quedou no 5º posto, en 65 kg.
A competición desenvolveuse en catro tapices oficiais de Loitas Olímpicas, de 12 x 12 metros, tendo a xornada de mañá reservada para os primeiros cruces e eliminatorias, e a xornada de tarde foi exclusivamente para loita polas medallas da categoría absoluta.
As 17 Comunidades Autónomas estiveron presentes nesta competición, á que acudiron preto de 350 deportistas seleccionados, máis os árbitros, técnicos, delegados, staff e membros organizativos da Federación Española de Loita. Os deportistas que acadaron ser campións de España, terán a oportunidade de participar nos campionatos de Europa sénior, no mes de Abril en Bucarest (Romanía).
Galicia acudiu a esta competición con 33 deportistas inscritos, 4 seleccionadores, 2 delegados e 5 árbitros, sendo a comunidade con máis representación.