Sesenta nenos participan no Campus Multideporte de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona celebra entre o 24 e o 29 de xullo o Campus Multideporte, no que participan un total de 60 nenos e nenas. A oferta municipal vai dende xuño a setembro cun total de 16 campus deportivos, tres deles específicos para integración e dedicados a nenos e maiores con dificultades motrices ou psíquicas. Co patrocinio de La Caixa e en colaboracións cos clubs, a oferta amplíase este ano con volei praia, bádminton e multideporte adaptado.

As novidades este ano chegan coa inclusión de dous campus (Baloncesto, Tenis) destinado a nenos (a partir de 7 anos) e maiores con dificultades motrices e psíquicas para que se poidan ir incorporando e tamén un campus específico (Multideporte) adaptado para eles como proba piloto do interese do Concello por ofrecer deporte para todos.

A oferta deportiva dos campus está deseñada entre todos os clubs deportivos locais (Erizana CF, Club Baloncesto Baiona, Club de Loita Sabarís, Club de Tenis Baiona, Galicia en Danza, MRC Yates de Baiona, Club Piragüismo Baiona, Westsport Ladeira, Baíña Fútbol Sala, Club de Patín Baiona, Club Atletismo Baiona, Vigo Vóley, Club de Bádminton do Val Miñor, Club Deportivo Amfiv e Club de Ximnasia Rítmica Estelas) e destaca dentro da oferta deste verán 2017 a incorporación de campus deportivos tan novos como o Campus de Bádminton e o de Volei Praia.

O Concello de Baiona segue apostando tamén polos Campus de Deportes Náuticos, que se amplían con catro quendas (mañá e tarde) para acoller ao maior número de interesados en practicar vela lixeira (MRC Yates), Piragüismo (Club Piragüismo Baiona) e Windsurf e Pádel Surf (WetSports Ladeira).

Dezaseis campus en once semanas de vacacións

Este ano 2017 ofértanse en total 16 campus repartidos entre as 11 semanas de vacacións escolares para conciliar vacacións co traballo familiar con oito disciplinas no mes de xullo (Tenis, Deportes de Combate, Ciclismo, Danza, Deportes Náuticos, F-Sala, Multideporte e Volei Praia) e outras oito no mes de agosto (Fútbol, Rítmica, Atletismo, Baloncesto, Deportes Náuticos, Actividades de Patín, Bádminton e Multideporte adaptado).

Desde a Concellería de Deportes e os distintos clubs locais elaborouse un programa técnico e lúdico orientado cara a un enfoque común para outorgarlle unha uniformidade á oferta deportiva. Todos os campus desenvólvense ao longo dunha semana, en horario de 10.00 ata as 14.00 horas aínda que para facilitarlle aos pais máis marxe horaria establécese xa desde as 9.00 horas o horario de recepción dos alumnos, a excepción do Campus Náutico en xornada de tarde que terá un horario especial.

Máis información e inscricións no Pavillón Municipal de Deportes, no correo electrónico deportes@baiona.org ou no teléfono 986 356 558.