A Deputación achega preto de 25.000 € a Gondomar para a promoción turística da vila

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas para a vila de Gondomar ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2017”. Cun importe total situado en 23.644,48 euros, o concello da comarca do Val Miñor empregará ambas as dúas partidas a investir na promoción turística e comercial da vila, para o que desenvolverán proxectos como a elaboración dunha guía (que recibe un investimento de 16.396,76 euros).

Anteriormente, Gondomar xa recibira a cantidade de 360.680,58 € para levar a cabo a adquisición dun vehículo para a concellaría de Vías e Obras e dunha desbrozadora de brazo lateral, o desenvolvemento dun proxecto de instalación dunha pasarela peonil na contorna do seu Mercado de Abastos, a compra dun vehículo que empregará o persoal da Concellaría de Benestar Social, actuacións en seguridade viaria e reparacións e melloras de camiños. Á marxe da liña 1, outros 39.765,09€ en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como unha aula de teatro, obradoiros de memoria, de informática de mantemento ou de informática para persoas maiores, un ciclo de cinema, o “Gondoverán” 2017, unha carreira a prol da corresponsabilidade, entre outras, e finalmente outros211.00,61 € en liña 3 para a contratación de 21 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

Grazas a esta nova achega, a vila de Gondomar xa leva aprobado o 67,5% do total de investimento que recibe dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 635.090,76€ dun total de máis de 940.000 euros.