ViaGalicia abre a súa quinta convocatoria

Apostar por proxectos innovadores, acelerables e invertibles. Este é o principal obxectivo de ViaGalicia, a aceleradora promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia que, a partir do 27 de xullo e ata o próximo 29 de setembro, abre o prazo de inscrición da súa quinta edición. A presentación de proxectos poderá realizarse a través da web www.viagalicia.gal.

Cun orzamento de 2,65 millóns de euros, ViaGalicia apoiará proxectos de negocio a través de formación, asesoramento, mentoring, coworking e financiamento. Deste xeito, poderán obter ata 125.000 euros en axudas directas e de capital risco. Ademais, e como novidade da quinta edición, impulsaranse dous proxectos de edicións anteriores, que participarán directamente na nova fase de aceleración.

Máis de 120 proxectos impulsados

Desde a súa posta en marcha en 2013, este programa de aceleración, ao que se presentaron case 900 propostas de negocio, contou cuns 6 millóns de euros de investimento e impulsáronse máis de 120 proxectos, dos que máis de 50 convertéronse en empresas, xerando máis dun centenar de novos empregos.

Un programa en seis fases

Tras finalizar a fase inicial de inscricións, se levará a cabo unha primeira selección de oitenta proxectos que participarán no Startup Day, xornada na que se avaliarán as habilidades dos emprendedores e do que sairán seleccionados corenta. Estes recibirán seis semanas de pre-aceleración nas sedes de ViaGalicia (situadas en Vigo e Lugo) durante a fase de Academia, na que se lles achegarán as ferramentas necesarias para adquirir competencias que lles axuden a definir o seu modelo de negocio e mellorar as súas propostas de valor.

Na seguinte fase, Demo Day, deberán defender a súa proposta fronte ao Comité Técnico, formado por expertos de ViaGalicia e por representantes das entidades colaboradoras. Este comité seleccionará os quince mellores proxectos que pasarán á fase de Aceleración.

A Aceleración desenvolverase durante seis meses no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán), co apoio dun experto equipo de titores e mentores. Todo un traballo conxunto ata que, coas mellores garantías de éxito, os proxectos alcancen as métricas necesarias para presentarse a futuras roldas de investimento. Na última fase, Investors Day, os emprendedores defenderán o seu proxecto fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento para captar novos socios.

Anuncios