Anuncios
Ticker de novas

35 desempregados do Val Miñor recibirán formación en turismo, hostalería e deseño de páxinas web

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Almorzos saudables no Obradoiro de Emprego Terras do Miñor.

A Xunta de Galicia deu o visto bo a dous novos obradoiros de formación destinados a persoas desempregadas do Val Miñor. Nesta ocasión os obradoiros estarán enfocados aos sectores turístico, de hostalería e deseño de páxinas web.

Os obradoiros de emprego solicitados, e ambos aprobados, este ano polos concellos do Val Miñor foron dous. Por unha banda está a que será a segunda edición de “Valmiemprega”, promovido polos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar en asociación. O obxecto deste obradoiro é formar a traballadores desempregados durante un período de nove meses nas especialidades de atención turística e promoción ao visitante, así como en deseño de páxinas web. O número de alumnos serán 20 (10 por especialidade) e o lugar de realización son as instalacións do CDL en Gondomar.

Por outra banda, o segundo proxecto aprobado é o de “Terras do Miñor VI”, promovido pola Mancomunidade do Val Miñor, e o obxecto do obradoiro é a formación de traballadores desempregados durante un período de 6 meses nas especialidades de servizo de restaurante e operacións básicas de cociña. Neste caso o número de alumnos será de 15 (8 de servizo de restaurante e 7 de operacións básicas de cociña) e o lugar de realización, o CPI e CEE de Panxón.

En ambos os dous casos as especialidades do obradoiro levan aparelladas, no caso de ser superadas, o certificado de profesionalidade da correspondente especialidade.

Nas anteriores edicións, o 80% dos participantes do obradoiro “Terras do Miñor” lograron encontrar emprego, mentres que no caso de “Valmiemprega” a porcentaxe chegou ata o 60%. “Este tipo de iniciativas que levamos a cabo dende os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar teñen un alto grado de empregabilidade pola calidade dos obradoiros. Para nós é un orgullo poder achegar formación á xente que non encontra traballo, posto que adquiren uns coñecementos vitais para poder atopar un emprego, necesitamos formación de calidade e os obradoiros son un grande acerto”, afirmou Ángel Rodal, presidente da Mancomunidade do Val Miñor.

Anuncios